Serbia estala contra o toque de queda disposto por Vučić

Arredor dun cento de manifestantes irrompeu na sede do Parlamento e produciuse un enfrontamento coa forzas de seguridade, que deu paso a unha batalla campal. 
belgrado_twitter_fabianvendrig
photo_camera Manifestantes concentrados fronte a sede do Parlamento serbio (Twitter / @fabianvendrig)

Polo menos 23 persoas foron detidas e 60 resultaron feridas durante os altercados que se produciron nas últimas horas na capital de Serbia, Belgrado, despois de que o presidente, Aleksandar Vučić, anunciase que volvería impor o toque de queda en todo o país para facer fronte a un incremento dos contaxios de coronavirus.

"Todos os hospitais de Belgrado están practicamente cheos", lamentou o mandatario durante unha mensaxe televisada. O Goberno optou por un "toque de queda longo", que entrará en vigor mañá ás 18 horas e finalizará na segunda feira ás 5 horas.

"Hoxe é o día máis duro desde que comezou a pandemia, hoxe temos 13 mortos. Neste momento, hai máis de 120 persoas con respiración asistida. A situación é alarmante", asegurou, segundo informacións da canle de televisión B92. Segundo os últimos datos facilitados,  Serbia rexistrou, ademais, 299 novos casos da Covid-19.

Un grupo de manifestantes concentrouse para mostrar o malestar co anuncio de Vučić, cunha protesta que transcorreu de forma pacífica e reuniu nun primeiro momento unhas 2.000 persoas. Arredor dun cento destas irrompeu na sede do Parlamento e produciuse un enfrontamento coa forzas de seguridade, que deu paso a unha batalla campal, onde  os axentes utilizaron gases lacrimóxenos e granadas de atordamento.

O director da Policía, Vladimir Rebić, confirmou que 23 persoas foran detidas durante estes disturbios, que se saldaron tamén con 43 axentes e 17 manifestantes feridos. Rebić afirmou que, unha vez se analicen as imaxes das cámaras, poderase identificar "un número significativamente maior de alborotadores".

Recentes eleccións

Serbia declarou un confinamento nacional a principios de marzo, mais foi un dos primeiros países europeos en o levantar. Fíxoo en abril. En xuño, organizou eleccións presidenciais.

"Protestamos porque o noso querido presidente levantou o estado de urxencia polas eleccións e agora quéreo impor de novo, así que estamos en contra", queixábase un manifestante, segundo medios locais.

Os partidos da oposición, moitos dos cales boicotearon os comicios, acusan a Vučić, do dereitista Partido Progresista Serbio, de utilizar as medidas de restrición en beneficio propio e coa finalidade de debilitar a oposición.

Comentarios