xoves 01/10/20

Serbia cancela uns exercicios militares en Bielorrusia debido á presión da UE

serbia_rusia_kremlin2
Os presidentes de Rusia e de Serbia, en Moscova, nunha foto de arquivo (kremlin.ru)

O Goberno de Serbia decidiu suspender todos os exercicios e actividades militares con todos os seus aliados durante seis meses para preservar a súa posición de neutralidade, segundo anunciou nas últimas horas o ministro de Defensa serbio.

Fíxoo pouco antes de que, onte,  desen comezo os chamados exercicios da Irmandade Eslava en Bielorrusia, país que está a vivir unha crise política pola disputa sobre a validez das últimas eleccións presidenciais.

Aleksandar Vulin dixo que Serbia estivo baixo unha "presión horríbel e inmerecida" por parte da Unión Europea, que exixiu a Serbia "non acudir ás manobras militares pre-acordadas con Bielorrusia, de non quixer pagar o prezo de abandonar un futuro en Europa, e ser exposto a un aumento da presión sobre as súas políticas, os serbios no Kosovo e a Republica Srpska [unha das dúas entidades que conforman Bosnia-Hercegovina]".

Os exercicios militares previstos en Bielorrusia estaban previsto para a segunda metade de setembro, con participación das tropas locais bielorrusas, así co tamén das serbias e das rusas.

Opinión rusa

Ao respecto, o portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, dixo que o Kremlin respecta a decisión serbia. Porén, segundo informa Sputnik, á pregunta de se era atribuíbel á presión de Occidente, respondeu cun "non".

Serbia matizou a través do ministro Vulin que nos vindeiros seis meses "non participará en ningún exercicio militar ou actividade coa OTAN, Rusia, os EUA, a China ou a UE ─nin co Leste nin con Occidente─".

Serbia é un Estado membro do programa da OTAN "Sociedade pola paz". "A nosa participación en operacións de paz será considerada con coidado e, de ser necesario, suspendida", dixo Vulin, engadindo que a decisión se tomara para preservar a "posición de neutralidade militar" de Serbia.

comentarios