Unha sentenza do Supremo de México legaliza o aborto na primeira etapa do embarazo

O Supremo do país norteamericano emite un fallo de obrigado cumprimento para todos os xuíces mexicanos, que garante o dereito a abortar na primeira etapa do embarazo.
Protesta a favor do aborto legal en México en 2020. (Foto: El Universal)
photo_camera Protesta a favor do aborto legal en México en 2020. (Foto: El Universal)

Por dez votos a favor (un dos once maxistrados non acudiu), a Suprema Corte de Xustiza da Nación de México resolveu que non é constitucional criminalizar as mulleres que abortan na primeira etapa do embarazo, ao anular o artigo 196 do código penal de Coahuila, un estado situado no nordés.

O precepto invalidado a terza feira impoñía de un a tres anos de cárcere “á muller que voluntariamente practique o seu aborto ou á persoa que a fixera abortar co seu consentimento”.

Miles de persoas saíron á rúa a celebrar a decisión en distintas partes do país. Malia que isto non implica que o aborto sexa legal en todo o territorio de maneira automática ou que o resto de estados teñan que cambiar a súa lexislación, o fallo xera un precedente xudicial que garante este dereito das mulleres en todo México.

O Supremo do país norteamericano salientou nun comunicado pouco despois da resolución que “ao alcanzarse unha maioría que supera os oito votos, as razóns da Corte obrigan a todas e todos os xuíces de México, tanto federais como locais”.

“O Estado non só debe absterse de penalizar o aborto, senón que debe garantir condicións mínimas para que sexa posíbel”, salientou Norma Piña, integrante do tribunal. As organizacións en defensa dos dereitos das mulleres estiman entre 750.000 e un millón o número de abortos clandestinos anuais en México.

Só catro estados permiten na súa lexislación a interrupción voluntaria do embarazo nas primeiras 12 semanas: Cidade de México, Oaxaca, Hidalgo e Veracruz. Até este fallo, o aborto era legal en todos os Estados Unidos Mexicanos unicamente en caso de que o embarazo fora produto dunha violación.

A partir de aí, están recoñecidas outras sete causas entre as que escolle cada entidade para determinar cales acepta e cales non na súa lexislación.

Sismo de magnitude 7,1

Na madrugada da terza á cuarta feira, rexistrouse un terremoto de magnitude 7,1 na escala Richter con epicentro en Acapulco. Cando menos unha persoa faleceu no concello de Coyuca de Benítez, no estado de Guerrero, tras caer un poste de electricidade. O presidente, Andrés Manuel López Obrador, informou antes de facerse pública a morte desta persoa de que non se notificaran danos graves.

Outro tremor de 7,5 na escala Richter asolara o país hai máis dun ano. Con epicentro en Oaxaca, chegou a sentirse na capital e outras zonas, deixando seis mortos e máis de vinte persoas feridas.

Comentarios