Que valoración fai do fallo do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès?
Carla Vall Avogada e asesora de Políticas Públicas
Salientan as limitacións que impón o dereito sobre a democracia. Tamén o bloqueo da vontade popular para exercer o dereito á autodeterminación que, á súa vez, se ve limitado polo que consideran que non pode nin debe ser desobediencia civil. É curioso ver como o Tribunal recolle os distintos exemplos constitucionais europeos segundo os cales a indivisibilidade do Estado é un principio básico, mais en troques non fai o mesmo sobre as premisas legais que operarían no caso de atacar devandito principio.
Silvio Falcón Profesor de Ciencia Política na Universitat de Barcelona
É unha vinganza, co Estado tentando aplicar a máxima forza. E é exemplificadora. O Estado quere mandar unha mensaxe para as vindeiras xeracións e para o futuro do liderado do independentismo. Por unha banda é unha vinganza contra os líderes do procès, e polo outra, ten esa condición de mensaxe a futuro, que ademais o que fai é estreitar o panorama dos dereitos civís e políticos no Estado español.
David Minoves Presidente do Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e Nacionais (CIEMEN)
Envía unha mensaxe a todos os demócratas e especialmente aos independentistas: non todas as opcións políticas son benvidas no Estado español. Hai un punto de vinganza e é un aviso para navegantes para os que defendan unha proposta política, que só se acepta nun marco teórico, non como opción transitábel. E báixase moito o límite do que se consideran dereitos civís e políticos: o delito de sedición para Jordi Cuixart e Jordi Sànchez está vinculado á convocatoria dunha manifestación, así que calquera manifestación cualificada polas forzas policiais como tumultuaria pode ser definida como sedicios.
Anna Boza Avogada e profesora na Universitat de Barcelona
A nivel xurídico, entendo que non concorren os requisitos do delito aplicado de sedición. Enténdoo como un delito de finalidade inmediata e que non se pode ir alongando no tempo, tal e como nos formulan na sentenza. Forzan os requisitos do delito que queren aplicar a uns feitos que eles entenden así. O 544 é un tipo penal concreto que non coincide cos feitos que eles dan por probados.
Marcel Mauri Portavoz de Òmnium Cultural
É moi perigosa. Implica un retroceso sen límites de dereitos para calquera activista do Estado español. A partir de agora tentar parar un desaloxo ou estabelecer un piquete pode implicar o delito de sedición. No caso de Òmnium Cultural é unha salvaxada: 12 anos de cárcere para o noso presidente (Jordi Cuixart), o presidente da entidade cívico‑cultural máis grande de Europa, desprezado por exercer a desobediencia civil pola que avoga e pola que está disposto a asumir as consecuencias.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]