Sendero Luminoso e o 'terruqueo' peruano

Polo menos 14 persoas foron asasinadas nunha localidade rural do centro do Perú, nun aparente atentado de Sendero Luminoso, organización armada que causou miles de mortes a finais do século XX. Supostamente extinta na súa forma orixinal, é resucitada de cando en cando para lanzar ataques á esquerda democrática.
castillo_composicion
photo_camera Castillo, coa bandeira de Sendero Luminoso, nunha imaxe manipulada difundida nas últimas semanas (Foto: Nós Diario)

"É chavista e creo que ten orixe en Sendero Luminoso", apuntaba o até esta segunda feira presidente do Ecuador, Lenín Moreno, a respecto de Pedro Castillo, candidato presidencial no Perú. Nunha entrevista publicada onte polo diario El Comercio (conservador), Moreno engadía que, de chegar á Presidencia, Castillo levará ao Perú "miseria, opresión e exilio".

Non é a primeira vez que os seus rivais políticos vinculan o candidato esquerdista de Perú Libre co grupo armado marxista-leninista-maoísta Sendero Luminoso, oficialmente Partido Comunista do Perú. Unha organización da que é fundador e principal ideólogo Abimael Guzmán, coñecido polo nome de guerra camarada Gonzalo.

Guzmán foi capturado en 1992 e actualmente cumpre cadea perpetua. Tras a súa detención, a actividade de Sendero Luminoso comezou a decaer, mais  desde finais da década de 1970 e durante toda a de 1980 foi autora de continuos ataques contra as forzas de seguridade do Estado.

E tamén de masacres con numerosas mortes de civís nas zonas rurais do Perú, como o de Lucanamarca, onde 69 labregos foron asasinados por executar un comandante da organización.

Todo é Sendero Luminoso

A luz de Sendero Luminoso foise apagando, mais no debate político a súa chama mantívose viva todo este tempo. E atízase con brío especialmente en épocas electorais co que, dentro da xerga política do país, se chama terruquear (de terruco, abreviatura despectiva de "terrorista").

Explícao Fundeu, a fundación da Real Academia Española e da axencia de noticias EFE para o uso do español nos medios. De terruco di que é "utilizada por sectores da dereita para desacreditar a esquerda e vinculala, moi a miúdo de maneira arbitraria, indiscriminada e falaz, co terrorismo de Sendero Luminoso e do Movemento Revolucionario Túpac Amaru (MRTA)".

E desta vén terruquear, "aplicado á acción de relacionar co terrorismo calquera idea ou comportamento que poida ser percibido como radical polos sectores conservadores, moi abundantes na sociedade peruana", di a Fundeu.

O vindeiro 6 de xuño desenvólvese no país a segunda volta dos comicios presidenciais, con dúas opcións contrapostas: por unha banda, Keiko Fujimori, filla do ex ditador Alberto (1990-2000) e representante de Forza Popular, partido populista de dereitas e neoliberal; pola outra o "chavista-sendeirista" Castillo.

Este último (44,8%) avantaxa en máis de dez puntos á primeira (34,4%), segundo a última enquisa, publicada o domingo polo diario La República (progresista).

"O val da cocaína"

Horas despois saltaba a noticia. "Sendero Luminoso, dirixida polo delincuente Víctor Quispe Palomino, nun acto xenocida, asasinou na noite do 23 de maio 14 persoas aínda non identificadas, entre as que se atopaban dous nenos, que foron atopados calcinados e irrecoñecíbeis", sinalaba un comunicado do Comando Conxunto das Forzas Armadas.

Víctor Quispe Palomino, tamén coñecido como camarada José, creou en 2018 o Militarizado Partido Comunista do Perú (MPCP), que actúa no centro do país, no Val dos Ríos Apurímac, Ene e Mantaro (Vraem), coñecido como "o val da cocaína" por concentrar case tres cuartas partes da produción peruana desta substancia.

Para o Estado peruano e outras entidades internacionais, o MPCP ─con fortes lazos co narcotráfico─ é continuación directa de Sendero Luminoso. O propio Quispe Palomino identifícase como membro de Sendero Luminoso. Porén, Abimael Guzmán renega del.

"Condeno enerxicamente este atentado terrorista e insto á xustiza a que aplique todo o peso da lei. Non imos tolerar ningún acto de violencia", escribía en Twitter Pedro Castillo ao pouco de se coñecer a noticia. E agregaba a continuación: "No noso Goberno impulsaremos maior orzamento na investigación policial para determinar as verdadeiras causas destes atentados".

No lugar do masacre, nun bar da localidade de San Miguel del Ene, os autores deixaron un pasquín, publicado polos medios peruanos, onde piden o voto nulo nas eleccións do 6 de xuño e advirten: "Quen vote por Keiko Fujimori é traidor, é asasino do Vraem, é asasino do Perú! Pobo peruano: nunca máis fujimoriato. Nunca máis Fujimori. Nunca máis Keiko Fujimori!".

"Falsa bandeira"

A aludida tamén se manifestou ao respecto nas últimas horas. Tras condenar o atentado, quixo así mesmo "rexeitar categoricamente as insinuacións febrís dalgunhas persoas que, tratando de aproveitarse politicamente, están a sinalar persoas vinculadas á nosa agrupación política". "Non debemos permitir este tipo de actos desesperados", engadiu nun vídeo nas redes sociais.

Nesta liña, entre os que abundaron nos supostos vínculos de Castillo con Sendero Luminoso e os que falan dun atentado de "falsa bandeira" ─como insinuou en Twitter o secretario xeral de Perú Libre, Vladimir Cerrón─, foron os editoriais onte dos dous principais periódicos do país.

La República afirmaba, sen facer referencias a ningunha persoa ou partido: "As mensaxes destinadas a construír unha narrativa que inculpa un sector político de responsabilidade no atentado, sen probas e baseados en prexuízos ideolóxicos, resulta absurda e pouco críbel [...] Querer sacar vantaxe dun feito tan brutal é pouco ético e censurábel".

E, apuntando directamente a Perú Libre, El Comercio escribía: "No canto de fechar filas co resto da cidadanía na condena da matanza, os seus voceiros trataron de reducir a traxedia a un evento de relevancia electoral e de buscar, de paso, a alguén máis a quen culpar dos asasinatos".

Unha actitude que, din, "abona os argumentos de quen auscultan con preocupación a lista de congresistas electos por ese partido".

1980-2000: 69.280 vítimas da violencia

A Comisión da Verdade e da Reconciliación, estabelecida en 2001 para analizar as dúas décadas de violencia previas, cifrou en 69.280 as persoas asasinadas ou desaparecidas durante o conflito armado entre o Estado, Sendero Luminoso e o MRTA. Destas, 54% foron atribuídas aos sendeiristas e 37% ao Exército.

Comentarios