O Senado exixe ao Estado español a devolución do IVE

O Estado español debe a Galiza máis de 370 millóns de euros do ano 2017.
O Senado, onte, na primeira sesión de control ao Goberno (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O Senado, onte, na primeira sesión de control ao Goberno (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

A sesión decorrida onte na Cámara Alta saldouse coa aprobación dunha moción presentada por Junts per Catalunya onde se exixe ao Goberno estatal o pago do IVE adebedado ás Administracións autonómicas.

A proposta da formación independentista contou co apoio do PP, Bildu, PNV, Cs, Vox, Compromís, Geroa Bai, Más Madrid, Més per Mallorca, o cántabro PRC, a navarra UPN, Adelante Andalucía e ERC. Esta última formación anunciou que votaba igual que os populares a pesar da "hipocrasía" da formación de Pablo Casado.  

O grupo socialista no Senado votou en contra, mentres que Teruel Existe, o Partido Aragonés e a Agrupación Socialista da Gomera abstivéronse. 

A débeda do Estado español coa Galiza pola mensualidade do IVE de decembro do ano 2017 ascende a 204,7 millóns de euros e 170 millóns pola Galiza cumprir coa estabilidade financeira. 

O total do IVE adebedado polo Estado ás Administracións autonómicas chega a 2.500 millóns de euros. En 2017 o Goberno español presidido por Mariano Raxoi mudou o sistema de xestión do IVE e ampliou o prazo das empresas para liquidar ese imposto, o que provocou que o IVE de novembro de 2017, que se debía liquidar no mes de decembro, fose contabilizado no ano 2018.

Logo o Goberno do Partido Socialista escudouse en que se atopaba en funcións e en que o resto de partidos non o apoiaban para investir Pedro Sánchez, para xustificar que non lle era posíbel facer a devolución. Agora, a ministra de Facenda María Jesús Montero di que, ao estarmos en 2020, Madrid "non pode" pagar. 

A moción aprobada pola Cámara Alta é unha declaración política, mais pon o Executivo de coalición ante un novo brete. 

Comentarios