O Senado dos EUA tórnase máis azul

Confirmado xa o triunfo dun dos senadores en xogo polo Estado de Georgia e liderando o reconto no caso do segundo, o Partido Demócrata aloumiña o poder absoluto en Washington co control do Congreso –Cámara de Representantes e Senado–; e tamén da Casa Branca, coa inminente ratificación da vitoria de Biden.
EuropaPress_3504915_partidarios_presidente_estados_unidos_donald_trump_ultimas_manifestaciones
photo_camera Partidarios de Trump manifestándose na cuarta feira en Washington para denunciar a suposta fraude nas presidenciais (Foto: Julia Mineeva / Zuma Press)

Raphael Warnock converteuse na cuarta feira, 6 de xaneiro, no primeiro candidato demócrata elixido por Georgia á Cámara alta desde o ano 2000. Tamén no primeiro senador negro da historia por este Estado. "As mans de 82 anos que recollían o algodón doutra persoa elixiron o seu fillo menor para ser senador dos EUA", manifestaba na cuarta Warnock, en referencia ao pasado da nai del como traballadora adolescente e á experiencia de pobreza familiar.

Segundo as proxeccións avanzadas polos medios, Warnock impúxose á republicana Kelly Loeffler no primeiro dos dous postos ao Senado en xogo que decidirán a maioría da Cámara alta e marcarán o Goberno do presidente electo, Joe Biden

Á última hora da tarde da cuarta feira (horario galego) retomábase o reconto de votos para saber quen será o segundo dos senadores elixidos nesta segunda volta en Georgia: ben o demócrata de 33 anos Jon Ossoff, ben o republicano David Perdue, membro electo do Senado desde hai seis anos. 

De acordo cos últimos datos dispoñíbeis, Ossoff lideraba por uns 17.000 votos, isto é, con 50,2% do total dos sufraxios por 49,8% de Perdue. A lexislación de Georgia estabelece a posibilidade de pedir un reconto de votos en caso de que a marxe final sexa igual ou menor a 0,5 puntos porcentuais. Este sería o presente caso de se manter a diferenza. 

Non obstante, Ossoff proclamouse vencedor xa na cuarta. "É con humildade que dou as grazas ao pobo de Georgia por me elixir para servilo no Senado dos Estados Unidos", manifestou nun vídeo colgado en Twitter, que a rede social etiquetou alertando de que aínda non se decidira un gañador na contenda electoral.

Mais a tendencia apuntaba nese sentido, e co paso dos minutos a Cámara alta ─e o Congreso estadounidense no seu conxunto─ tinguíanse dun azul máis intenso (a cor que identifica o Partido Demócrata, pola vermella do Republicano). 

Así, o líder dos demócratas no Senado, Chuck Schumer, aventurouse a felicitar non só a Warnock, senón tamén a Ossoff, afirmando que "unha das primeiras cousas" que quere facer como líder da maioría é aprobar un segundo cheque de 2.000 dólares para todos os cidadáns estadounidenses (o actual líder da maioría do Senado, o republicano Mitch McConnell, bloqueou a semana pasada que este fose maior de 600 dólares).

Peso da minoría negra

Tamén Biden emitiu un comunicado felicitando a Warnock e homenaxeando a Stacey Abrams, líder do Partido Demócrata en Georgia, e a Keisha Lance Bottoms, alcaldesa de Atlanta, principal cidade e capital do Estado. Os tres, políticos negros. 

A popularidade de Biden entre esta minoría ─unha das chaves da súa vitoria nas primarias sobre Bernie Sanders─ supuxo finalmente un importante plus para os demócratas nas eleccións presidenciais e lexislativas.

Malia a elección de Warnock, Loeffler mantense como senadora por Georgia até finalizar o reconto de todos os votos. Na cuarta feira viaxou a Washington onde tiña previsto, xunto a un pequeno grupo de representantes da Cámara alta, sabotar o voto de trámite no Congreso que certificará a vitoria de Biden. "Imos continuar loitando por vós", dixo, e engadiu: "Isto trátase de protexer o 'soño americano'".

Masiva protesta pro Trump mentres o Congreso se reúne para ratificar a Biden

Ao tempo que o Congreso iniciaba na cuarta feira a sesión para certificar a vitoria de Biden nas eleccións presidenciais por 306 votos electorais a 232, miles de seguidores do mandatario saínte, Donald Trump, concentrábanse en Washington para denunciar a suposta fraude nos comicios. Numerosos axentes das forzas de seguridade foron despregados na zona do Monumento a Washington, o obelisco que preside a capital política do país.

A presión chegou mesmo ao vicepresidente, Mike Pence, encargado de contar os votos electorais, e ao que Trump pediu en Twitter que frease a certificación do triunfo de Biden. Os republicanos impugnaron o resultado en Arizona ao pouco de comezar a sesión, e agardábase que o fixeran en dous Estados máis, segundo a CNN, estendéndoa até esta quinta feira, mais sen evitar a mudanza na Casa Branca.

Comentarios