O ex presidente gaña o segundo 'impeachment'

O Senado dos Estados Unidos absolve a Trump

O ex presidente queda libre do cargo de incitación á insurrección tras o asalto ao Capitolio. Os demócratas, con 57 votos a favor da condena e 43 en contra, non logran a maioría de dous terzos.
2020100309340287847
photo_camera Imaxe de arquivo de Donald Trump (Foto: Sean Meyers / Europa Press)

O Senado dos Estados Unidos de América (EUA) absolveu o ex presidente Donald Trump, acusado de incitar á insurrección contra o Capitolio do pasado 6 de xaneiro. O proceso de destitución (impeachment) tivo como resultado 57 votos favorábeis e 43 en contra.

Sete senadores republicanos apoiaron a condena que suporía a inhabilitación de Trump, e por tanto non podería volver presentarse ás eleccións presidenciais, pero eran necesarias dúas terceiras partes da cámara, é dicir, un total de 67 senadores.

Os republicanos que deron o seu voto para a inhabilitación foron Bill Cassidy (por Luisiana), Susan Collins (polo Estado de Maine), Richard Burr (por Virginia), Lisa Murkowski (por Alaska), Mitt Romney (polo estado de Utah), Ben Sasse (polo de Nebraska) e Pat Toomey (por Pennsilvania).

A pesar de que nun primeiro momento o senado dera luz verde á incorporación de testemuños contra o ex presidente, finalmente as dúas partes chegaron a un acordo para facer constar as declaracións da congresista republicana Jaime Herrera Beutler como proba máis evitouse a súa comparecencia na cámara, para non dilatar máis o proceso.

“Esta foi outra fase da maior caza de bruxas do noso país”, dixo Donald Trump nun comunicado logo de que rematase a votación. Os seus avogados xa fixeran un alegato final na mesma liña, acusando aos demócratas de vinganza partidista.

O impeachment a Trump non só pretendía xulgar o seu papel nas horas previas ao asalto ao Capitolio, senón tamén o feito de “torpedear” a transición do poder e tratar de “vulnerar a vontade que os estadounidenses expresaron nas urnas o 3 de novembro”.

Comentarios