A semente do odio no conflito palestino

A publicación dun novo estudo sobre o tratamento que se dá nos libros de texto israelís á ocupación dos territorios palestinos chegou á Knesset da man da Lista Conxunta. Os investigadores levan anos denunciando que o currículo escolar fomenta o racismo e prepara as nenas e os nenos para o papel de soldados ocupantes.
ראש הממשלה בנימין נתניהו השתתף בטקס נטיעות לרגל חג ט״ו בשבט, ביישוב ״מבואות יריחו״ שבבקעת הירדן.
צילום: חיים צח / לע"מ
Photos By : Haim Zach / GPO
photo_camera O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, nunha visita ao asentamento de Mevo'ot Yeriho, no territorio ocupado de Cisxordania (gov.il)

"Unha pregunta que perturba moita xente é como explicar o comportamento cruel dos soldados israelís cara aos palestinos, a indiferenza cara ao sufrimento humano [...] Como eses adorábeis nenos e nenas xudeus se converten en monstros unha vez poñen o uniforme. Creo que a principal razón é a educación". A profesora da Universidade de Tel Aviv e premio Sakharov en 2001, a israelí Nurit Peled-Elhanan, analizaba esta cuestión na obra Palestina nos libros escolares israelís: ideoloxía e propaganda na Educación (2012). 

Os escolares israelís ─reflicte neste ensaio─ aprenden sobre os seus veciños, os palestinos. Porén, nunca se fai referencia a eles nos textos como "palestinos", agás cando o contexto é o terrorismo. Son os "árabes", representados ademais segundo prexuízos e clixés: con camelos, fóra da lei e fóra do Estado; como refuxiados, labregos de subsistencia e terroristas.

"Nunca se ve un neno palestino, ou un médico, un profesor, un enxeñeiro ou un labrego moderno", explicaba Elhanan tras cinco anos de estudo de material escolar, todo aprobado polo Ministerio de Educación.

A conclusión da investigadora era que esa forma de racismo vai máis alá. É un racismo que prepara as mozas e mozos israelís para o servizo militar, obrigatorio para todas as persoas maiores de 18 anos, agás para os palestino-israelís, e que actualmente se estende por un período de dous anos e medio para os homes e de dous anos para as mulleres.

Un dos principais puntos tratados por Nurit Peled-Elhanan é o da Nakba, o Día da Catástrofe para o pobo palestino, cando o 15 de maio de 1948 se viu forzado ao éxodo como consecuencia da creación do Estado de Israel. Nos libros de texto, os masacres de palestinos non se ocultan, mais xustifícanse como algo necesario para o nacemento do Estado israelí. En 2009, o Goberno do xa primeiro ministro Benjamin Netanyahu eliminou o termo "Nakba" de todos os manuais escolares ao consideralo "propaganda contra Israel".

Debate de vello

A cuestión do tratamento do conflito palestino-israelí nos libros escolares vén de vello. Numerosos estudos científicos chaman a atención sobre a invisibilización da identidade palestina nos manuais escolares en Israel, presentando os palestinos como inmigrantes na súa propia terra. O Goberno israelí, pola súa banda, sostén que é nos territorios autónomos de Palestina onde o currículo escolar incita ao odio aos xudeus, ao antisionismo e aos ataques armados. 

A campaña de presión de Israel fixo que en agosto de 2019 o Comité para a Eliminación da Discriminación Racial da ONU chamase a atención sobre estes contidos. O Ministerio de Educación  da Autoridade Palestina rexeitou as acusacións e pediu publicamente que a ONU formase un equipo internacional independente para examinar o seu currículo, coa condición de que Israel permitise tamén unha análise do seu. O Executivo israelí, porén, rexeitou a oferta.

Debate actual

Xa neste 2020, a finais de xullo, foi debatida na Knesset, o Parlamento de Israel, a cuestión da "desaparición e silenciamento do conflito palestino-israelí nos libros de texto". Fíxose a petición da Lista Conxunta, alianza de formacións palestinas e de esquerda, despois da recente publicación dun novo estudo do profesor Avner Ben-Amos, da Universidade de Tel Aviv, A ocupación no sistema educativo israelí: entre o recoñecemento e a negación. Nel, sostén que nos últimos 20 anos pasouse de ignorar a ocupación a normalizala.

O deputado Ofer Kasif sostivo que "a negación non fai desaparecer a realidade, senón que menoscaba a nosa capacidade para comprendela", e engadiu que o sistema educativo está "orientado a crear suxeitos obedientes en lugar de cidadáns". 

Tamén pola Lista Conxunta, Sami Abu Shehadeh afirmou que Israel "é o único país do mundo, talvez como Corea do Norte, cuxo sistema educativo se mide pola cantidade de estudantes que envía ás unidades de combate, polo que a escola debe preparalos para seren soldados". 

"O sistema educativo está a criar nenos para o futuro da ocupación e da represión, algo que leva á destrución da sociedade", engadiu Shehadeh, na liña do que leva anos defendendo a profesora Nurit Peled-Elhanan: interiorizan a mensaxe de que "a vida dos palestinos é prescindíbel". 

Unha Elhanan que o 4 de setembro de 1997, tras o ataque suicida con bomba dun militante palestino de Hamas, manifestaba: "Ataques terroristas como este son consecuencia directa da opresión, da escravitude, da humillación e do estado de sitio imposto aos palestinos". Nese ataque falecía Smadar, a filla dela, de 13 anos.

Comentarios