Asemblea nacional do Sinn Fein tece a estratexia para atinxir unha Irlanda “unida, soberana e democrática”

Centos de delegad@s do veterano partido republicano toman parte estes días no Ard Fheis, asemblea nacional, que o Sinn Fein realiza en Castlebar (Mayo). Unha cita marcada pola defensa da soberanía, a economía , o dereito a vivenda e o rural irlandés. 

Sinn Fein

'Unha nova república: Máis fortes xunt@s'. Baixo esta palabra de orde está a se desenvolver en Castlebar (no condado de Mayo) o Ard Fheis do Sinn Fein. Unha cita na que están a tomar parte centos de delegad@s do veterano partido republicano procedentes dos 32 condados da Illa, os 26 da República e os 6 do Ulster, sob goberno británico.

O SF, ten 14 deputados no Parlamento de Dublín (tivo o 10% dos votos nas eleccións), e posúe responsabilidades de goberno na Asemblea de Irlanda do Norte (territorio baixo soberanía británica). O apoio electoral a esta formación nos seis condados ronda o 26% dos votos, sendo o SF a segunda forza política.

Soberanía, sen aditivos

No Ard Fheis, e segundo informan desde An Poblacht e da RTE radio televisión pública irlandesa, as máis de 250 mocións a debate céntranse en cuestións como a economía produtiva, a defensa do dereito a vivenda ou do rural da Illa, nunha situación de despoboamento e forte crise (como en Galiza),así como o reforzamento da educación e sanidade pública.

“Debatimos e analizamos como tecer as estratexias para ir construíndo unha Irlanda unida, que sexa soberana, dona de seu, e en beneficio da sociedade”, sinalan desde a executiva.

Referendo

Cómpre lembrar que O voceiro republicano, Gerry Adams, afirmara hai unhas semana que xa é hora de dar a voz ao pobo. Entende que unha Irlanda unida e soberana "xeraría emprego, prosperidade e investimentos", incidindo na soberanía como unha ferramenta acaída para combater a crise e optar por un outro modelo de desenvolvemento, en beneficio da maioría social da illa. "Xunt@s somos máis fortes", asegurou o responsábel do Sinn Fein.

A organización nacionalista destaca que a ausencia de violencia armada e que as importantes transformacións políticas e demográficas en Irlanda do Norte (onde as e os unionistas xa só representan o 40% da poboación) fan preciso ese referendo, pois o establishment que leva décadas instaurado xa non representa a realidade.

Comentarios