O segundo debate Trump-Biden, en liña

Mike Pence e Kamala Harris baixan o ton no único entre candidatos á Vicepresidencia. O presidente estadounidense dixo que non participará no cara a cara telemático. 
EuropaPress_3362742_07_october_2020_us_bloomington_man_watches_the_democratic_vice_presidential_2
photo_camera Un home observa o debate electoral entre os dous candidatos á Vicepresidencia dos EUA, que se desenvolveu na Universidade de Utah (Jeremy Hogan / SOPA Images)

A Comisión de Debates Presidenciais dos EUA anunciou hoxe que o segundo debate de cara ás presidenciais do 3 de novembro entre Donald Trump e Joe Biden, previsto para o 16 de outubro, se desenvolverá de forma telemática. O presidente estadounidense decidiu non participar no encontro a menos que o debate se realice de forma presencial. "Non vou perder o tempo nun debate virtual", dixo en declaracións a Fox. Ademais, sostivo que a idea de facer o debate online é unha estratexia para "protexer" a Biden. A dirección de campaña de Trump dixo que este dará un mitin que no canto de participar no cara a cara.

Ademais dese en Miami (Florida), hai un terceiro e último programado para o día 22 en Nashville (Tennessee). Biden declarou hai días atrás que "agarda" debater con Trump nesas datas, mais tamén que se deben seguir "protocolos moi estritos para non se contaxiar". Tamén pediu que o debate non se desenvolva se o presidente ─xa na Casa Branca, mais aínda transmisor do coronavirus─ continúa contaxiado. 

Por outra banda, o único debate entre os candidatos á Vicepresidencia desenvolveuse na cuarta feira pola noite (madrugada de onte na Galiza). Mike Pence, do Partido Republicano, e Kamala Harris, do Partido Demócrata, víronse as caras en Salt Lake City (Utah). Tal e como se esperaba, o ton distou moito do marcado por Trump e Biden hai unha semana.

Discursos civilizados, poucas interrupcións e mesmo algún que outro cumprido caracterizaron a cita. Nun intre da noite, Pence felicitou a Harris por facer historia ao se converter na primeira muller negra e a primeira asio-americana que concorre como cabeza de cartel á Casa Branca. O candidato conservador mediu en todo o momento as palabras. "Pence tiña a presión de non aparecer como un abusón no seu enfrontamento con Harris, especialmente tendo en conta a pelexa da campaña de Trump por atraer o voto feminino", sinalou USA Today

Precisamente, a correspondente política en Washington DC deste rotativo, Susan Page, foi a moderadora. "Queremos un debate que sexa animado. Mais os estadounidenses tamén merecen unha discusión que sexa civilizada. Estes son tempos tumultuosos, mais podemos e teremos un intercambio respectuoso", advertiu.

No entanto, os tirapuxas entre os dous candidatos ─separados por pantallas metacrilato─ non faltaron. Harris, en concreto, chamou a atención a Pence polas continuas interrupcións. "Sr. vicepresidente, estou a falar, estou a falar", repetiu con contundencia nun momento dado do debate.

Temas controvertidos

Mais ambos os dous tentaron fuxir dos temas máis controvertidos. Pence, da epidemia da Covid, que puxo nos últimos días en corentena toda a cúpula da Casa Branca. "O presidente Trump e mais eu confiamos en que o pobo estadounidense está a tomar as medidas que mellor considera para a súa saúde", afirmou Pence, mentres que "Joe Biden e Kamala Harris falan todo o tempo de ordes", engadiu. 

E Harris, pola súa banda, eludiu responder se un Goberno de Biden ampliaría o número de membros do Tribunal Supremo co fin de diluír a actual maioría republicana tras o pasamento de Ruth Bader Ginsburg: "O pobo estadounidense vai votar e debería ser súa a decisión de quen vai facer parte desta tan importante institución de forma vitalicia".

Sobre outros temas, como o aborto, Harris afirmou: "Sempre pelexarei polo dereito dunha muller a decidir sobre o seu corpo". "Debería ser decisión dela e non de Trump e Pence", engadiu. Acerca da violencia policial, Pence considerou un "insulto" á Policía as insinuacións sobre que o sistema xudicial estaba condicionado, ao que Harris ─ex fiscal xeral de California─ se arrepuxo dicindo que "son a única sobre o escenario que persoalmente levou a xuízo casos que van desde agresións sexuais a crianzas a homicidios".

Por último, contra o final da noite, a moderadora levou o debate cara á lexitimidade dos comicios, posta en dúbida por Trump. Pence non abordou a cuestión directamente, mais expresou a súa confianza en que o país tería "unhas eleccións libres e xustas".

"A culpa é da China, lembren isto", volve insistir o presidente

Nunha gravación emitida nas últimas horas polas redes sociais, Trump manifestou que contraer a Covid foi unha especie de "beizón", xa que se someteu a unha terapia experimental que el considera unha "cura", e que agora agarda aplicar "de balde" a toda a cidadanía.  Ademais, aproveitou para atacar de novo a China, que considera única responsábel da pandemia.

"A China vai pagar un alto prezo polo que lle fixo a este país, vai pagar un alto prezo polo que lle fixo a este mundo. A culpa é da China , lembren isto", dixo.

Comentarios