A sede de Podemos Cartaxena sofre un ataque con material explosivo

A líder do BNG, Ana Pontón, asegura que o "neofascismo deixa claro que busca acabar coa democracia e a pluralidade". O PSdeG chama a "defender a democracia".
Captura de pantalla do vídeo onde se aprecia o lume dentro da sede de Podemos en Cartaxena.
photo_camera Captura de pantalla do vídeo onde se aprecia o lume dentro da sede de Podemos en Cartaxena.

A sede de Podemos en Cartaxena (Murcia) sufriu esta madrugada un ataque con material explosivo, segundo denunciou o secretario xeral do partido, Pablo Iglesias, e o deputado da formación morada pola Rexión, Javier Sánchez Serna. "Esta noite s extrema dereita deu un paso máis alá e atacou a sede de Podemos Cartaxena con material explosivo", advertiu Sánchez Serna. O deputado publicou un tuit acompañado dun vídeo no que se aprecia como arroxan un artefacto inflamábel á sede de Podemos na cidade portuaria

Iglesias publicou tamén un tuit co vídeo adxunto no que lamenta o "ataque da ultradereita, con material explosivo, a unha sede Podemos hoxe mesmo".

Condena de Ana Pontón

A líder do BNG, Ana Pontón, trasladou a súa solidariedade aos integrantes de Podemos despois do ataque da súa sede en Cartaxena con material explosivo. 

Nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social Twitter, Pontón asegura que o "neofascismo deixa claro que busca acabar coa democracia e a pluralidade". "Por iso é tan grave blanquear á extremadereita. E fronte a eles, nós, sempre defendendo as liberdades", apunta a portavoz nacional do BNG.

O PSdeG chama a defender a democracia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou a defender a democracia, a liberdade e a tolerancia fronte aos que "usan a violencia para atacar aos que pensan distinto. Así o sinalou nunha mensaxe publicada a través do seu perfil da rede social Twitter, no que rexeita e condena o ataque con material explosivo a unha sede de Podemos en Cartaxena.

"Defendamos a democracia, a liberdade e a tolerancia fronte aos que usan a violencia para atacar aos que pensan distinto. Rexeitamos e condenamos totalmente os ataques de grupos de extrema dereita contra @Podemos hoxe en Cartaxena. Ningún tipo de fascismo. Así, non", apunta o texto publicado en galego.

Reacción do PPdeG

O PPdeG, polo de agora, limitouse a retuitear unha mensaxe do PP estatal no que o alcalde de Madrid declara que "a diferencia de Podemos, nós non temos problema ningún en condenar a violencia veña de onde veña".

Comentarios