O sector crítico de Podemos sostén que o sistema de votación dos documentos favorece a Iglesias

Non decrece a tensión en Podemos. Os críticos piden que se modifique o sistema de votación das ponencias para que non se traduza nun todo ou nada.

As diferenzas en Podemos non só atinxen a forma en que a organización debe ser liderada -Pablo Iglesias propón un só secretario xeral, @s crític@s unha portavocía plural-, senón tamén ao sistema de votación dos documentos xurdidos da Asemblea Cidadá, decorrida a pasada fin de semana.

Nunha reunión da comisión técnica realizada o pasado domingo, xusto após a clausura da asemblea, o grupo de dirixentes nucleados arredor de Pablo Iglesias impuxo o seu criterio e conseguiu que os documentos se votasen en bloco, isto é, como un pack conxunto.

Os críticos entenden que isto favorece a Pablo Iglesias e coarta a liberdade da base simpatizante de Podemos de dar o seu apoio por separado, ou non, aos distintos documentos.

Echenique queíxase de que non puido participar na decisión do sistema de votación porque cando foi convocado xa estaba nun avión rumo a Estrasburgo

A votación, que se realiza telematicamente, comezou esta segunda feira e vaise prolongar até o domingo. Nela poderán participar as máis de 175 mil persoas inscritas nas bases de dados de Podemos. Os resultados serán dados a coñecer a segunda feira 27 de outubro.

O sector crítico de Podemos organízase baixo a rúbrica de Sumando Podemos e está liderado polo eurodeputado Pablo Echenique, cando el tamén están as parlamentares de Bruxelas Teresa Rodríguez e Lola Sánchez.

Precisamente Pablo Echenique queixouse de que non puido participar na reunión da comisión técnica decorrida o domingo, e que foi convocada através de Instagram, porque cando recebeu a mensaxe se achaba nun avión a piques de descolar rumo a Estrasburgo.

Comentarios