Saúdos nazis e peticións de golpe de Estado, así son as protestas dos bolsonaristas

"Mentres o inimigo non sexa derrotado non sairemos de aquí. Mentres non alcancemos a vitoria, non soltaremos as mans", dixo un seguidor de Bolsonaro durante unha protesta.
Gruo de bolsonaristas protesta en Santa Catarina (Foto: José Aldenir / Zumapress)
photo_camera Gruo de bolsonaristas protesta en Santa Catarina (Foto: José Aldenir / Zumapress)

Decenas de seguidores de Jair Bolsonaro continúan por cuarto día consecutivo acampados na zona sur de São Paulo fronte ás portas dunha das sedes do Exército, ao que se pide entre oracións que interveña militarmente tras a derrota da ultradereita nas eleccións de Brasil, mentres que en Santa Catarina xuran bandeira baixo o saúdo nazi.

"Mentres o inimigo non sexa derrotado non sairemos de aquí. Mentres non alcancemos a vitoria, non soltaremos as mans", dixo unha destas persoas facendo referencia ao lema utilizado durante a derrota da esquerda brasileira nas pasadas eleccións de 2018.

Estas persoas están acampadas en concreto fronte ás portas da sede do Comando Militar do Sueste, na zona sur de São Paulo, estado en que aínda continúa a haber estradas bloqueadas por estes movementos antidemocráticos, que piden abertamente un golpe de estado.

Víronse imaxes moi polémicas protagonizadas por estes manifestantes, que nalgúns casos utilizaron menores de idade para levar a cabo os seus actos de protesta. É o caso de tres nenos nun municipio de Santa Catarina, que ataviados con máscaras de Lula e do xuíz do Supremo, Alexandre de Moraes, foron paseados nun vehículo simulando que están encarcerados, en referencia ao encarceramento hai anos de Lula da Silva.

Crianzas como escudos

Isto está a ser xa investigado do mesmo modo que un posíbel caso de neglixencia duns pais que colocaron os seus fillos menores de idade como unha especie de escudos durante os bloqueos en estradas dos municipios de Itajaí e Itapema, tamén no estado de Santa Catarina.

A pesar de que o propio Bolsonaro pediu esta cuarta feira aos seus seguidores que levantasen os bloqueos, centos deles congregáronse en varias zonas do país para seguir protestando pola vitoria de Lula, quen a partir de agora terá o reto de dirixir un país con 58 millóns de votantes bolsonaristas e un Congreso de maioría conservadora.

Case unha vintena de Estados, con máis de cen puntos de bloqueos, rexistraron protestas e mobilizacións desde o triunfo de Lula nas eleccións do pasado domingo. Moitos gobernos locais víronse na obriga de mobilizar a Policía Militar debido á suposta inacción da Policía de Estradas, da cal depende o Goberno Federal, aínda en mans de Bolsonaro.

Comentarios