venres 15/10/21

Sanidade fixa a distancia interpersoal en 1,5 metros para suprimir a máscara en exteriores

O Consello Interterritorial de Saúde aprobou nesta cuarta feira un plan de uso que, a priori, é bastante similar ao anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para Galiza.
A ministra Carolina Darias coa súa máscara na rolda de prensa desta cuarta feira. (Foto: I. Infantes / Pool / Europa Press) #carolinadarias #sanidade #máscara #restricións #coronavirus #covid19
A ministra Carolina Darias coa súa máscara na rolda de prensa desta cuarta feira. (Foto: I. Infantes / Pool / Europa Press)

As máscaras non serán obrigatorias no exterior a partir deste sábado 26, mais non o serán sempre e cando se manteña 1,5 metros entre as persoas ou cando se comparta o paseo con persoas coas que se conviva. Así o explicou na tarde desta cuarta feira a ministra de Sanidade, Carolina Darias.

A medida, tomada no marco do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no que están representados o Goberno español e todos os territorios, vai na liña das consideracións expostas esta mesma mañá polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que falou de prescindir deste elemento de seguridade fronte á Covid-19 sempre que haxa un metro e medio entre as cidadás.

Aliás, as usuarias e usuarios das residencias de maiores nas que o 80% das persoas teñan a pauta de vacinación completa poderán prescindir deste complemento, pero si deberán levalo posto as e os traballadores dos centros e as visitas.

Mais se no groso do texto hai variacións, non queda claro se a opinión da tarde será un criterio a impoñer por enriba do plan tecido polo Comité Clínico. A priori só tería que mudar a proposta galega se así o di un decreto lei, pero Feixoo abría a porta a modificacións atendendo ao que sucedera na reunión de traballo.

Mais o documento que saíu adiante no Consello Interterritorial vai ser aprobado coa característica de decreto-lei no Consello de Ministros da quinta feira. A expensas do que suceda coas distancias para retirar a máscara no país, Darias amosou a súa satisfacción pola evolución epidemiolóxica.

"Todos os indicadores din que imos no camiño axeitado e, coas altísimas taxas de vacinación é aconsellábel que se empece a introducir unha flexibilización respecto ao uso obrigatorio das máscaras", reflexionou.

O inminente Real Decreto Lei de flexibilización da máscara está apoiado nun relatorio de Alertas e Plans de Preparación e Resposta ante a pandemia.

"Son medidas progresivas, graduais e prudentes. É unha medida importante, que virá ben porque a cidadanía demandábaa, pero hai que ser prudente", resumiu a representante do Executivo do Estado español.

comentarios