Sanidade cede ás presións e deixa as medidas restritivas da "nova normalidade" en recomendacións

O Goberno do Estado español atende ás protestas de até seis territorios, entre eles Galiza, e deixará que cada zona estabeleza os seus criterios de prohibicións para controlar a expansión da Covid-19.
Un axente da Policía Local de Sevilla vixia unha zona de lecer nocturno. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)
photo_camera Un axente da Policía Local de Sevilla vixia unha zona de lecer nocturno. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)
O fallo da Audiencia Nacional a prol da Comunidade de Madrid e a ameaza da Xunta de recorrer ao Tribunal Constitucional se o Ministerio de Sanidade non daba un paso atrás no seu plan de restricións de "obrigatorio" cumprimento na "nova normalidade" para todos os territorios, foron quen de facer reflexionar ao Goberno español.

Na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) decorrida na tarde desta cuarta feira o departamento dirixido por Carolina Darias fixo unha nova proposta de medidas que atende ás protestas de seis territorios, malia que o documento saíra adiante a semana pasada.

Así, iniciativas tales como o fechamento dos bares á 1 da madrugada e as discotecas ás 3, entre outras cuestións, quedarán nunha "recomendación", pero serán as diferentes Administracións territoriais as que teñan a última palabra sobre os pasos a dar para facer fronte á Covid-19.

É dicir, o texto aprobouse hoxe como unha suxestión a cumprir na medida do posíbel, pero deixa a posibilidade de que se amplíe "o horario do lecer nocturno se a situación epidemiolóxica" de cada zona o permite.

O cambio de rumbo decorre despois de que Galiza, Madrid, Euskadi -que hoxe tampouco participou do debate nin da votación-, Catalunya, Andalucía e Murcia amosaran a súa desconformidade a semana pasada porque, após decaer o estado de alarma, moitos gobernos xa traballaran nas súas propias estratexias de actuación.

De feito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, manifestara o interese de apostar nun texto de recomendacións que fora flexíbel e revisábel.

Segundo o novo informe, ao que tivo acceso Europa Press, as horas da hostalaría -que no país aliárase coa Xunta por se era necesario ir ao Constitucional- até as 2 horas, un marxe temporal ampliábel.

Ademais, suprime outras restricións publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) como que a capacidade máxima dos locais estivera no 50% e que o límite de persoas compartindo mesa fora de seis.

Comentarios