Sánchez ve "valente" o discurso do rei e anuncia impulso e renovación da Coroa

O Goberno afirma que cumpriu 23,4% dos compromisos adquiridos
Pedro Sánchez compareceu  ante os medios para facer balanza do primeiro ano de lexislatura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez compareceu ante os medios para facer balanza do primeiro ano de lexislatura. (Foto: Europa Press)

O presidente español Pedro Sánchez compareceu esta terza feira publicamente para facer balance do primeiro ano do Executivo de coalición, sinalando os compromisos do programa de Goberno que xa levaron a cabo nestes 12 meses, aínda que Catalunya, os presos e a crise da monarquía centraron a rolda de preguntas. 

No tocante á Coroa, Sánchez cualificou de "valente" o discurso de Nadal do rei Felipe VI e anunciou que hai unha folla de ruta de renovación da monarquía, baseada na exemplaridade e transparencia. O mandatario español quixo así reforzar o discurso de Felipe VI do 24 de decembro, cando este asegurou para diferenciarse do seu pai -fustrigado polas investigacións sobre lavado de cartos- que o seu era un reinado renovador desde o primeiro día. 

"O rei quere unha monarquía constitucional adaptada á España do século XXI. Renovación, rendición de contas, aí está traballando Felipe VI. Imos paso a paso. Xa irán coñecendo como se materializa a folla de ruta de renovación da Coroa en canto a transparencia e exemplaridade”, dixo onte Sánchez. Porén, non aclarou se o Consello de Ministras e Ministros impulsará unha lei da Coroa. "Paso a paso", reiterou. 

Nese sentido, Sánchez non deu detalles sobre as medidas concretas que poderían adoptarse por parte de Zarzuela ou do Goberno, pero insistiu en que a Coroa continuará co "ánimo de renovación" que cre que demostrou "con feitos" Felipe VI. "E no que poidamos axudar, o Goberno estará ao dispor da Coroa", zanxou.

Cumprimento do programa

O Executivo de coalición cumpriu no seu primeiro ano con 23,4% dos 1.238 compromisos adquiridos para esta lexislatura, explicou hoxe o presidente, aseverando que a pandemia, lonxe de frear a súa acción de Goberno, acelerouna, até o punto de levaren "un semestre de adianto" nos seus obxectivos. Ademais, o presidente anunciou que prevén cumprir 32,6% dos seus compromisos antes de que finalice o primeiro semestre de 2021. 

Este balance do Goberno recóllese no documento titulado Cumprindo, que realizou o Executivo e que prevé presentar cada ano a partir de agora. Nel recóllese o grao de cumprimento dos catro eixos que guían a acción do Executivo. Así, sinálase que se logrou 22,8% dos compromisos do eixo 'España verde' e recoñece que aínda quedan, como "compromisos non iniciados máis relevantes" medidas como a elaboración da Estratexia Industrial 2030 para a transición ecolóxica e a descarbonización e modificar a

Lei de Seguridade Alimentaria

No eixo da 'España dixital' alcanzouse, segundo o informe, 27%, coa aprobación de estratexias como a de Intelixencia Artificial a de impulso da tecnoloxía 5 G.

O grao de cumprimento dos compromisos do terceiro eixo, o da igualdade de xénero, sitúase en 31% e espérase chegar a 47% en xuño, con medidas como a aprobación da Lei de Liberdade Sexual. Entre os compromisos non iniciados, destácase o de integrar as empregadas do fogar no Réxime Xeral de Seguridade Social.

Por último, o Goberno sinala que se conseguiu 23% dos compromisos de cohesión e inclusión, tanto a nivel territorial como social, aínda que afirma que queda pendente abordar cuestións como as relativas á derrogación parcial da reforma laboral.

Simón e 14 técnicos formaron o comité de desconfinamento

O Ministerio de Sanidade fixo públicos os nomes das e dos 15 técnicos que formaron o comité que asesorou o Goberno en maio e xuño sobre o desconfinamento, e que se mantiveron no anonimato.

En concreto, as e os expertos que formaron o comité foron o director do Centro de Emerxencias, Fernando Simón, 14 técnicos do Ministerio de Sanidade e un experto externo, Javier Segura, vicepresidente da Asociación Madrileña de Saúde Pública. 

Sánchez chama ao "reencontro en Catalunya"

Segue o silencio por parte do Goberno español a respecto da petición de indulto para as e os presos políticos e sociais cataláns condenados polo Tribunal Supremo no xuízo do procés. O presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, en resposta a preguntas da prensa, limitouse onte a asegurar que "aposta claramente polo reencontro e a reconciliación" en Catalunya. "Cando falamos de Catalunya, ninguén está libre de culpa. Todos cometemos erros", remarcou Sánchez. 

Desta maneira, na rolda de prensa que ofreceu en Moncloa para facer balance do ano, o presidente evitou adiantar a súa opinión sobre a aplicación da medida de graza ás e aos presos independentistas, alegando que se trata dun procedemento regrado e que o Executivo só se debe pronunciar ao final do mesmo.

A situación das presas e presos é relevante para Catalunya e para as forzas do Goberno que en apenas dous meses concorrerán ás eleccións ao Parlament. E a solución podería pasar por dúas vías: o indulto ou a reforma do delito de sedición no Código Penal, que xa fora anunciada para este ano. 

Mais no documento que Pedro Sánchez presentou sobre o balance da lexislatura non aparece como cumprida a reforma do Código Penal e, en concreto, no que ten a ver cos delitos de rebelión e sedición. Preguntado sobre esta cuestión, o mandatario español asegurou que "o obxectivo do Goberno é poder presentar a reforma o próximo ano, en 2021" e asegurou que "ten que ser o ano en que actualicemos o noso Código Penal", para homologalo ás "democracias europeas ás que nos queremos parecer aínda máis".

Comentarios