Sánchez ve “razoábel” achegar os presos independentistas cataláns

O presidente do goberno español anuncia nunha entrevista na TVE a súa intención de esgotar a lexislatura.

pedro sanchez
photo_camera Foto: La Moncloa

Pedro Sánchez considera “razoábel” achegar a Catalunya os presos independentistas cataláns. Así o manifestou na súa primeira entrevista como presidente do goberno español, realizada en TVE, e na que dixo que vía “razoábel” que unha vez acabado a fase de instrución estes presos puidesen estar perto das súas familias e dos seus avogados. Unha cuestión que desligou do traslado de presos vascos a Euskal Herria (“non ten nada a ver”, dixo).

Non foi a única mensaxe que sobre Catalunya deixou na entrevista: anunciou que a principios de xullo recibiría a Quim Torra, presidente da Generalitat, e afirmou que agardaba “abrir unha nova etapa” con Catalunya.

Pedro Sánchez anunciou tamén, entre outras cuestións, que ten intención de esgotar a lexislatura, de derrogar “os aspetos máis lesivos” da Lei Mordaza e de convertir o Valle de los Caídos nun “memorial das vítimas do fascismo”.

Comentarios