Sánchez transferirá 55% dos primeiros fondos europeos ás comunidades

A extrema dereita maniféstase ás portas da conferencia de presidentes 
Felipe VI e Pedro Sánchez cos presidentes autonómicos nun momento da conferencia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Felipe VI e Pedro Sánchez cos presidentes autonómicos nun momento da conferencia. (Foto: Europa Press)

A conferencia de presidentes decorrida esta sexta feira en Salamanca lembrarase pola ausencia do president catalán, Perè Aragonés, polos grandes anuncios do xefe do Goberno español, Pedro Sánchez e polas protestas da extrema dereita ás portas do mosteiro de San Esteban en Salamanca. De feito, ducias de manifestantes con bandeiras españolas acudiron ao inmóbel para recibir con grandes mostras de afecto e berros de “Viva el Reu”e “Viva España Unida” a Felipe VI e insultar Pedro Sánchez.

Neste contexto, algúns dos manifestantes culpárono de “140.000 mortes” por coronavirus e reclamaron a súa dimisión.

Un dos principais anuncios de Sánchez referiuse á xestión dos fondos da primeira parte do programa Next Generation. A este respecto, o presidente do executivo afirmou que neste exercicio transferirá ás comunidades autónomas 10.500 millóns de euros, 55% de 19.036 millóns de euros achegados pola Unión Europea para 2021. 

O dado achegado polo xefe do Executivo situouse na liña do adiantado no mes de outubro pasado desde  Moncloa, onde anunciaron que a metade dos fondos non serían executados desde a administración estatal. 

O mandatario español volveu sacar peito sobre a xestión da pandemia. Se antonte significou que “España é a nación que máis vacinou entre os 50 países máis poboados do mundo, situándose por diante do Reino Unido, Estados Unidos, Francia ou Alemaña, polo que podemos dicir que ten a medalla de ouro da vacinación”, no encontro cos seus homólogos das comunidades autónomas insistiu que 55,7% dos cidadáns do Estado “xa teñen a pauta completa e  66% dos cidadáns recibiron polo menos a primeira dose”. 

Neste sentido, destacou “unha compra masiva durante as próximas semanas” de vacinas, concretamente “3,4 millóns de doses adicionais de Pfizer”.

O cumio foi valorado moi criticamente polos presidentes populares e polo líder da formación, Pablo Casado. Así, por exemplo, a madrileña, Isabel Díaz Ayuso denunciou o “trato preferente” e “cada vez máis asimétrico” de Sánchez coas “comunidades desleais con España”. Nunha orientación análoga, Pablo Casado acusou ao xefe do Goberno de acudir ao encontro “co pau para o Partido Popular e a cenoria para os nacionalistas” e avisou que a súa formación non aceptará “cacicadas de cambiar fondos da UE por votos”.

Comentarios