Rego insta Sánchez a cumprir os compromisos asinados co BNG no acordo de investidura

Sánchez reúnese en Moncloa cos socios da investidura

O presidente do Goberno do Estado segue a manter negociacións para lograr o apoio aos orzamentos de 2021. Ademais, confirmou a resistencia do PP a pactar e a boa dispoñibilidade de Ciudadanos.
EuropaPress_3298049_presidente_gobierno_pedro_sanchez_sale_recibir_portavoz_pnv_congreso_aitor
photo_camera Pedro Sánchez ás portas da Moncloa (Foto: Pool / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, continuou coa súa rolda de reunións coas forzas parlamentarias. Após unha xornada agridoce, onde confirmou a resistencia do Partido Popular a chegar a acordos e certificou a vontade de Ciudadanos a colaborar na aprobación dos orzamentos, o xefe do Executivo retomou a súa axenda de xuntanzas.

Sánchez atopouse onte co groso das organizacións que apoiaron a súa investidura e coas que ultimamente ten marcado distancias debida á súa aproximación ao partido de Inés Arrimadas, convertido tras o cambio de liderado no parceiro de referencia do Goberno.

Gabriel Rufián foi o primeiro en pasar por Moncloa. Ao remate da reunión, o portavoz de ERC sinalou a coincidencia con Sánchez en que “sería moi positivo convocar unha nova reunión da mesa de diálogo para a resolución do conflito político en Catalunya”, cuestión que considerou previa a calquera achega sobre os orzamentos, “para que nos pidan un segundo acordo, primeiro teñen que cumprir o primeiro, que está por escrito e é a mesa de diálogo”.

Ao tempo, referiuse ás dificultades dun acordo cos socialistas no caso de que insistan en pactar con Ciudadanos, afirmando que “Ciudadanos non é que sexa incompatíbel con ERC, e que é incompatíbel coa esquerda”.

Os representantes das forzas nacionalistas vascas presentaron a Sánchez as súas demandas, o mesmo día que socialistas e PNV unían os seus votos no Parlamento vasco para investir Íñigo Urkullu como presidente. Segundo salientou a portavoz do Executivo español, María Jesús Montero, en relación á xuntanza co PNV, “é unha formación política que intenta contribuír sempre dentro do seu marco ideolóxico, intenta ser útil aos cidadáns e non obstruír”.

O portavoz do BNG, Néstor Rego, exixiu a Sánchez o cumprimento dos compromisos asinados no acordo de investidura. Nesta liña, Rego lembrou ao xefe do Executivo aquelas cuestións do pacto de investidura pendentes de executar e cuxa realización está asociada aos orzamentos.

O BNG considera un erro que o PSOE estea a dar un xiro á dereita, pretendendo substituír as forzas de esquerda e nacionalistas por Ciudadanos, opción que na súa opinión “só ten sentido se a pretensión é a de buscar unha saída á crise non coincidente cos intereses das maiorías sociais”.

Comentarios