Lisboa apoia tamén o político patrocinado por Trump

Sánchez recoñece Guaidó como presidente horas despois de Trump pór sobre a mesa a opción militar

Esta segunda feira, o estado español deu o paso de recoñecer o presidente da Asemblea Nacional, Juan Guaidó, como novo xefe de estado venezuelano, embora non se ter presentado a ningunha elección como candidato a tal cargo.

Pedro Sánchez.

O movimento da Moncloa estaba amortizado, sendo que Caracas non baixou a cabeza perante o ultimato formulado a Maduro por Bruxelas. A maioría dos Estados da UE non recoñecen Guaidó como presidente, mais si as súas principais potencias (Francia e Alemaña). O Goberno de António Costa vai facer pùblico nas próximas horas o recoñecimento do líder opositor venezuelano.

A tensión en Venezuela é máxima. Este domingo, Nicolás Maduro, nunha entrevista no programa Salvados, non desbotaba a hipótese dunha guerra civil no país. "Depende da loucura do imperio do norte", dixo. Case en paralelo, o presidente dos EUA, Donald Trump, puña sobre a mesa o escenario bélico, isto é, unha agresión militar —que sería bendecida por Bogotá e Brasilia—a Venezuela. "Certamente é unha opción", dixo nunha entrevista na CBS.

En medio deste contexto de hostigamento ao goberno de Nicolás Maduro, Pedro Sánchez compareceu esta segunda feira na Moncloa para solemnizar que Madrid toma partido no conflito interno venezuelano a favor da dereita pro-estadunidense que neste momento lidera Juan Guaidó.

O recoñecimento de Guaidó vai acompañado dunha petición: que convoque eleccións á presidencia da República. O asunto é que o presidente da Asemblea Nacional non ten facultades constitucionais para chamar as urnas e que do ponto de vista do dereito venezuelano esa competencia é exclusiva do presidente efectivo do país, Nicolás Maduro.

Rusia apoia a iniciativa polo diálogo de Uruguai e México

Tamén se suceden os movimentos no campo das potencias aliadas de Caracas. Moscova voltou a tomar a iniciativa —en contraste co perfil máis baixo dun Beijing que días atrás emitiu algún sinal ambiguo— e, alén de condenar o ultimato de Bruxelas a Maduro, chamou a apoiar a conferencia internacional polo diálogo que convocan México e Uruguai co plácet bolivariano.

"Continuamos a defender o dereito internacional, apoiando as iniciativas que presentan algúns países latinoamericanos, como México e Uruguai, que apuntan á criación dunhas condicións para o diálogo nacional con participación de todas as forzas políticas de Venezuela", dixo esta segunda feira o ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov.

A dupla linguaxe da UE

A Unión Europea como tal non ten acordo para recoñecer Guaidó como presidente. En realidade, son máis os estados que se manteñen no statu quo previo ao golpe de estado —isto é, para eles Maduro continúa a ser o único referente lexítimo do poder venezuelano— do que aqueles que si se decidiron aliñarse con Washington (Francia, Alemaña, España, o Reino Unido do Brexit, Austria...).

En todo caso, a UE si constituíu un chamado Grupo de Contacto para conducir Venezuela a un escenario de "eleccións libres e con supervisión internacional", segundo a expresión utilizada por a xefa da diplomacia europea, Federica Mogherini

No Grupo de Contacto participan tamén aliados latinoamericanos de Maduro como Bolivia e Uruguai. Caracas defende un diálogo aberto coa oposición interna mais sen ultimatos sobre a mesa, tal e como enfatizou o líder bolivariano na entrevista co xornalista Jordi Évole.

Comentarios