Sánchez quer manter o estado de alarma até o final do desconfinamento

Confirmábao a portavoz do Executivo estatal, María Jesús Montero, após o Consello de Ministras: o Goberno quer estado de alarma até finalizar o desconfinamento. O que non dixo, mais si transcendeu, é que o presidente Pedro Sánchez estaría a estudar a posibilidade de pedir unha última prórroga dun mes para evitar ter que pedila por dúas quincenas. 
 
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en videoconferencia coa líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, o pasado mes de abril (Imaxe: Moncloa)
photo_camera O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en videoconferencia coa líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, o pasado mes de abril (Imaxe: Moncloa)

 
A ministra María Jesús Montero instou esta terza feira, 12 de maio, ás forzas políticas a apoiar un novo estado de alarma para "pemitir un desconfinamento progresivo, ordenado e con restricións de movemento".

A ministra amosouse confiada en que gran parte dos grupos apoiarán unha nova prórroga da alarma. A actual caduca o 24 de maio. Nese sentido, sinalou que o diálogo coas forzas que facilitaron a investidura de Pedro Sánchez "é constante", mais remarcou que o obxectivo é "ampliar esa maioría", incluíndo outras formacións, dixo en relación a Ciudadanos (Cs). Precisamente na segunda feira, 11 de maio, a ministra de Traballo (Unidas Podemos), Yolanda Díaz, tamén se amosou confiada en contar co apoio de Cs para aprobar os orzamentos. 

Esta terza feira á tarde, Sánchez e a líder de Cs, Inés Arrimadas, mantiveron unha videoconferencia en que expresaron a súa vontade de manter contactos de maneira cotiá para compartir información sobre a crise e buscar "acordos futuros" no ámbito sanitario, económico e social.

Precisamente, o Goberno español recibiu no último pleno críticas das forzas soberanistas que apoiaran a investidura pola recentralización do Estado e a falla de información e diálogo do Executivo. Este, porén, si  gañou o apoio de Cs, que predicara previamente "o cordón sanitario contra Sánchez".

Fica por ver cara a onde basculará o Goberno nas vindeiras semanas e se haberá consolidación dunha alianza táctica entre a coalición de Goberno do PSOE e Unidas Podemos con Cs. As de Arrimadas atópanse nunha nova viraxe, para coller matices fronte ás outras forzas españolistas: Vox e PP. Un cambio que podería afectar a Gobernos que sosteñen con eses partidos, como os de Madrid, Murcia ou Andalucía.  

Pola súa banda, o líder do PP,  Pablo Casado, anunciou que o seu partido votará 'non' a un novo estado de alarma. 

Imponse corentena para visitantes

Desde a sexta feira 15 de maio as viaxeiras e viaxeiros que accedan ao Estado español terán que gardar corentena durante os 14 días seguintes á súa chegada. Esta orde ficará vixente, canda menos, durante o estado de alarma. 

Mentres se atopen en corenta, as e os viaxeiros deberán permanecer nos seus domicilio ou aloxamentos, debendo limitar os seus desprazamentos á adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade; asistencia a centros, servizos e estabelecementos sanitarios, e outros desprazamentos por motivos de forza maior. En todos eles será obrigatorio o uso de máscara. A medida tamén se aplica noutros Estados do mundo que pretenden impedir un aumento de contaxios por positivos importados. 

De feito, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, sinalou que "non é descartábel" un segundo brote da COVID-19 no Estado, polo que pediu á cidadanía seguir as recomendacións sanitarias "para evitar que haxa que volver a unha situación de confinamento estrito, como o que se produciu".

Comentarios