Sánchez promete a creación de 800.000 empregos en 3 anos

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, presentou o Plan de recuperación, transformación e resiliencia da economía española'co que compromete a mobilización de 72.000 millóns de euros dos fondos europeos nos próximos tres anos, un investimento co que persegue crear 800.000 empregos. 
O presidente Pedro Sánchez presentou onte o plan a través dunha videoconferencia.
photo_camera O presidente Pedro Sánchez presentou o plan a través dunha videoconferencia.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, presentou esta cuarta feira, 7 de outubro e por videoconferencia desde a Moncloa, o Plan de recuperación, transformación e resiliencia da economía española, o cal contemplará un investimento de 72.000 millóns de euros entre 2021 e 2023 para impulsar a economía.

Estes fondos corresponden coa metade dos 140.000 millóns que o Estado recibirá da Unión Europea para facer fronte ás consecuencias da pandemia e cuxa execución comprende até o ano 2026. 

Desta maneira, Sánchez compromete o gasto da metade deses recursos en tres anos, período no que pretende a creación de 800.000 postos de traballo grazas a ese investimento. Segundo explicou o xefe do Executivo, os fondos dedicaranse en 37% a investimento verde -é a porcentaxe mínima que marca a UE- e 33% á transición dixital. Aliás, dez son os eixos en que se repartirán os cartos: educación e Formación Profesional (18%), modernización e dixitalización do tecido produtivo (17%), ciencia e innovación e reforzo do sistema de saúde (17%), axenda urbana e rural (16%), infraestruturas e ecosistemas resilientes (12%), transición enerxética (9%), economía dos coidados e políticas de emprego (6%), administración para o século XXI (5%), e cultura e deporte (1%).

Con esta estratexia Sánchez anunciou a fin "dunha das carencias" do Estado como é a Educación Infantil, o cal beneficiará ademais a loita pola igualdade de xénero. Nese sentido, anunciou a creación de 65.000 prazas de educación temperá de 0 a 3 anos.

Acometerase, ademais, a "reforma" da Formación Profesional e impulsarase a FP Dual, de modo que se axustará a formación ás prazas de novo emprego, dixo Sánchez. En concreto, anunciou que se porán en marcha 200.000 prazas de FP durante os próximos catro anos.

Outras medidas van desde o despregue de 250.000 vehículos eléctricos até a rehabilitación de 500.000 de vivendas para aumentar a eficacia enerxética. 

Comentarios