Sánchez: “Non aceptarei nunca o dereito á autodeterminación”

Tan só un día após o Goberno español bloqueara o diálogo co Govern catalán e un día antes da manifestación da dereita e a ultradereita en Madrid, o presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, sinalou que non aceptará “nunca” o dereito á autodeterminación.

[Imaxe: PSOE] Pedro Sánchez
photo_camera [Imaxe: PSOE] Pedro Sánchez

Sánchez emitiu na mañá do sábado unha dura mensaxe contra o soberanismo apenas horas despois de que o seu Goberno suspendera o diálogo co Govern catalán e un día antes da manifestación españolista convocada pola dereita e ultradereita en Madrid na que participará Feixoo. Sánchez Sinalou que a autodeterminación “non é constitucional”, polo cal, dixo, non a aceptará “nunca”.

Dentro da Constitución, afirmou Sánchez, “todo, fóra, nada”. Así se pronunciaba nun acto en Barakaldo onde presentou a candidatura do candidato do PSOE á Alcaldía, Alfredo Retortillo. O presidente do Goberno español aludiu ao bloqueo das negociacións co PDeCAT e ERC, que deben decidir antes da cuarta feira se tomban ou non os orzamentos xerais.

Sánchez quixo marcar distancias contra quen “chegou tarde ao aborto, ao divorcio, ao matrimonio homosexual” e criticou “a volta atrás dunhas dereitas que reclaman a recentralización”. Tamén cargou contra as forzas independentistas, cuxo viaxe, prognosticou, “non vai a ningunha parte”.

Para Sánchez, o debate en Catalunya non é independencia si ou non, senón “convivencia si ou si e iso só se consegue con diálogo”. Insistiu en que o que formula para Catalunya é o seu “autogoberno”.

Comentarios