Sànchez irá á investidura o 12M sen ter aínda o apoio da CUP e pendente do xuíz Llarena

A candidatura de Jordi Sànchez está entalada entre dous lumes, o do Tribunal Supremo e o da CUP. Para prosperar tería primeiro de superar o hipotético veto do xuíz Llarena e despois conseguir que a formación anticapitalista reconsidere a súa oposición inicial a dar o aval ao ex presidente da ACN.

JS
photo_camera Jordi Sànchez

12 de marzo. Ese é o día en que en teoría Jordi Sànchez, preso político actualmente encarcerado en Soto del Real, está chamado a asistir ao Parlament á súa sesión de investidura. Non é seguro que tal evento vaia ter lugar. Terá que obter primeiro o permiso das autoridades xudiciais españolas. O seu avogado, Jordi Pina, cursou esta mesma terza feira peticións nesa dirección quer ao Tribunal Supremo quer ao Tribunal Constitucional. No seu escrito ao TS, Pina advirte que unha negativa a permitir a presenza física de Sànchez no debate de investidura constituiría un "lamentábel paso atrás en materia de protección dos direitos cívicos e políticos, que alén do máis situaría España perante un posíbel risco de condena futura por parte do Tribunal Europeu de Direitos Humanos".

Llarena está a ser fortemente presionado desde o executivo español para que inviabilice a investidura de Sànchez. Esta só podería materializarse, dada a doutrina sentada a este respeito polo TC, se o candidato obtén permiso do xuíz e pode asistir fisicamente ao debate parlamentar. 

Nunha inaudita declaración que mostra a forma en que o PP entende a división de poderes, a pasada sexta feira, na súa comparecencia posterior ao Consello de Ministros, o portavoz do executivo, Íñigo Méndez de Vigo, declarou enfático que o goberno "non ía consentir" a investidura de Sànchez. Se Llarena concedese o permiso ao candidato, o Goberno apresentaría de imediato un recurso ao Tribunal Constitucional que, de ser tramitado, comportaría inmediatamente a suspensión do pleno do 12M.

Mais a candidatura de Sànchez non só se xoga no confronto contras as institucións españolas: continúa sen ter garantida a maioría absoluta da cámara, ao non dispor do apoio da CUP. A formación anticapitalista considera que a elección do ex presidente da ANC constituiría unha reviravolta autonomista, unha regresión dentro do procés. A CUP pide un auténtico "programa republicano", de ruptura con España, para avalar calquera candidato que veña proposto polo bloco JxCat e ERC.

Situadas así as pezas no taboleiro, JxCat e ERC desenvolven nas últimas horas unha intensa ofensiva diplomática para persuadir a CUP de que o programa de Sànchez non significa un recúo. De acordo con fontes consultadas por NacióDigital, as forzas maioritarias no soberanismo catalán farán unha "nova oferta" a CUP na liña de "construír República".
 

Comentarios