Investidura

Meirás e estatuto electrointensivo, no programa de Goberno entre PSOE e UP

Os 11 puntos e as 49 páxinas que inclúe o programa de Goberno asinado entre o PSOE e Unidas Podemos non nomea Galiza directamente mais inclúe promesas sobre cuestións que están a ser reivindicadas desde os movementos socias e políticos galegos como é a devolución do Pazo de Meirás ou a aprobación dun estatuto electrointensivo para facer fronte á desindustrialización da nación.   
Pazo de Meirás
photo_camera Pazo de Meirás

No programa de Goberno de coalición publicado polo Partido Socialista e Unidas Podemos na tarde desta segunda feira 30 de decembro, ambas as forzas comprométense a "auditar os bens espoliados polo franquismo para devolvelos aos seus lexítimos titulares". Nesta epígrafe nomeada ‘Recuparación da nosa memoria democrática’, menciónase especificamente a "recuperación inmediata" do Pazo de Meirás para o patrimonio público. A este respecto, hai tan só seis días que a Audiencia Provincial de Madrid deu a razón aos herdeiros de Francisco Franco sobre as estatuas de Isaac e Abraham, do Mestre Mateo, que se atopan en posesión da familia do ditador e que foron reclamadas polo Concello de Santiago de Compostela.

O PSOE e Unidas Podemos acordan así mesmo no seu programa a aprobación do Estatuto do consumidor electrointensivo, con "compensacións e exencións de pago" para as empresas con "altos" custos enerxéticos "a cambio de que estas melloren a súa eficiencia enerxética, e así "potenciar a competitividade e a eficiencia" das mesmas.

Tamén se inclúen modificacións da factura eléctrica, para penalizar o consumo excesivo de enerxía e reducir a porcentaxe que representa a potencia instalada.

Así mesmo, ambas as forzas tamén se comprometen a sacar adiante medidas para reformar o mercado eléctrico e conseguir o abaratamento dos prezos mediante o uso de renovábeis, sendo o custo de xeración o "criterio fundamental" á hora de retribuír a súa produción.

Nese sentido, as dúas formacións propuxeron a elaboración dun Plan de Reforma do Sistema Eléctrico para favorecer a descarbonización e "uns prezos alcanzábeis para o consumidor e as empresas".

O acordo para un Goberno de coalición tamén sinala a posta en marcha de "novos mecanismos intergobernamentais" nos que as Comunidades autónomas poidan "intercambiar información e pareceres respecto a competencias de titularidade estatal". Trátase dun mecanismo que xa está previsto nos Estatutos de autonomía sobre o diálogo entre o Goberno central e o dunha Comunidade autónoma. Ademais PSOE e Unidas Podemos queren aprofundar en órganos de colaboración xa existentes entre o Goberno central e as Comunidades como a Conferencia de Presidentas, as Conferencias Sectoriais ou os convenios de colaboración das comunidades co Estado.

"En todo caso, esas relacións bilaterais sempre se rexerán polos principios de lealdade e colaboración entre territorios que fixa a Constitución", precisa o documento.

Os dous partidos tamén apostan por “clarificar” a distribución competencial entre o Goberno central e as comunidades autónomas co obxectivo de levar a cabo unha repartición máis clara e precisa que delimite que competencias pertencen a cada entidade e reduza ao máximo as competencias compartidas en aras de “reducir a ambigüidade”, sinala o documento.

"Neste sentido, resulta fundamental, dun lado, que as competencias do Goberno central estean ben configuradas, de tal maneira que iso permita a correcta coordinación das políticas nacionais e o respecto á igualdade de todos os españois. Doutro, que as Comunidades autónomas dispoñan das capacidades necesarias para un autogoberno eficiente á vez que respectuoso co interese xeral", expón o documento.

Para asesorar ao Goberno a este respecto, o documento avanza a creación dun comité de expertas nesta cuestión.

Comentarios