Sánchez: “Hai que reducir a mobilidade e os contactos. Non queda outra”

De grave. Así cualificou a situación que vive o Estado español a respecto da pandemia provocada polo novo coronavirus. Nunha declaración institucional na que non anunciou ningunha restrición nova, o presidente do Executivo estatal volveu pedir “unidade”.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez
photo_camera Pedro Sánchez, durante a intervención televisada.

Nunha comparecencia televisada na que non admitiu ningunha pregunta, o presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, avanzou que as próximas semanas serán “duras, moi duras”. Exactamente o mesmo que advertira na rolda de prensa coa que informara do decreto do estado de alarma”.

Porén, xa advertiu, “a situación non é comparábel á do 14 de marzo. Non queremos chegar a ese punto”. Nese sentido, puxo de manifesto a necesidade de “evitar un novo confinamento domiciliario”, para o que emprazou a ser “disciplinados” e a “concienciarnos ao máximo”.

Referíase a reducir a mobilidade e os contactos persoais. Unha medida que cualificou como a única solución para atallar os contaxios. “Chegamos a duplicar a cifra de casos notificados en 24 horas a respecto do peor día da primeira hora”, lembrou, nunha declaración institucional na que fixo fincapé en pedir “unidade” e a “mobilización coordinada” de todas Administracións públicas.

Apelou á “disciplina social”, ao “espírito de equipo”, á “resistencia” e á “moral de vitoria”. “Podemos volver conter o virus se cooperamos”, salientou. “Gústanos a vida social e a proximidade familiar e temos paixón polo contacto humano. Así é como entendemos a vida”, afirmou, mais sinalou que “é o momento de estabelecer distancias para poder salvar vidas e para defender a saúde de todos”.

Máis de tres millóns de persoas infectadas

En relación ás cifras, informou de que o número real de persoas infectadas supera xa os tres millóns. De aí que haxa que apostase en reducir “a mobilidade e os contactos. Non hai outra solución”. “Estamos listos para adoptar cada unha das medidas que sexan necesarias”, agregou a continuación.

Hai 348 casos por cada 100.000 habitantes e o obxectivo é conseguir 25 por cada 100.000 habitantes

A incidencia do Estado español supera os 300 casos por cada 100.000 habitantes e o obxectivo do Goberno que preside é rebaixala a só 25 casos por cada 100.000 habitantes.

De aí que insistise en pedir a limitación de contacto entre familiares e amizades, pois “poden contaxiarse entre si”. “Cústanos crer que un ser próximo pode facernos dano, pero é así se non tomamos precaucións”, engadiu. Neste contexto pediu limitar “reunións e celebracións”, máxime nunha época estacional que priva dos espazos abertos e ao aire libre, “compensemos o risco cunha actitude responsábel”.

Novas medidas

Moncloa e os gobernos territoriais acordaron na quinta feira estabelecer un sistema de alerta de catro niveis, que se avaliará segundo diversos factores como a incidencia por 100.000 hábitats, o nivel de positividade, a capacidade de rastrexar ou a ocupación de camas hospitalarias e UCI.

O nivel de risco extremo, é dicir, o cuarto, está ligado a unha incidencia de máis de 250 casos. O conxunto do Estado ten unha incidencia nestes momentos de 348 casos por cada 100.000 habitantes. Neste escenario, Sánchez explicou que están previstas medidas extraordinarias que poden requirir un estado de alarma.

Non obstante, asegurou que a toma de decisións seguirá dependendo dos gobernos territoriais, aínda que deberán presentar as posibles medidas ao Ministerio de Sanidade antes de aplicalas. "Queremos medidas que causen o menor dano económico e o menor dano ás liberdades", engadiu.

Unha sorte de recoller obrigatorio en Madrid

A declaración institucional pronunciada por Sánchez chegou ás poucas horas de coñecerse que a Comunidade de Madrid limita desde este sábado as reunións de 00 horas a 6 horas a conviventes, o que supón, na práctica, unha sorte de recoller obrigatorio, aínda que o Goberno rexional se nega a denominalo así. As novas medidas anunciadas polo Executivo de Isabel Díaz Ayuso terán unha duración de 14 días.

Andalucía tamén anunciou esta sexta feira que decreta o recoller obrigatorio en Granada e a Generalitat Valenciana e mais Castela e León estudan como aplicalo.

Comentarios