Sánchez fala agora dun "estado de alarma distinto" para lograr apoios á prórroga

O PSOE negocia coas formacións políticas o apoio á prórroga do decreto do estado de alarma.
Pedro Sánchez, na sesión de control ao Goberno español (Imaxe: Pool / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, na sesión de control ao Goberno español (Imaxe: Pool / Europa Press)

A vice presidenta do Goberno español, Carmen Calvo, e a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra, están a contactar con todos os grupos parlamentarios por encargo do presidente do Executivo, Pedro Sánchez, para negociar a nova prórroga do estado de alarma, a cal se tería que votar a vindeira semana, xa que a actual alarma caduca o 24 de maio. Desta volta Sánchez procura unha última prórroga dun mes, para non ter que volver aos 15 días pedir o voto do Congreso. 

Nese sentido, esta cuarta feira, 13 de maio, na Cámara Baixa, con motivo da sesión de control ao Goberno, o mandatario español prometeu "un estado de alarma distinto" en resposta ás críticas do Partido Nacionalista Vasco, Aitor Esteban, ao mando único do Executivo español no desconfinamento. 

Sánchez amosouse disposto "a abrir o debate político" e a estabelecer "novos mecanismos" de colaboración coas Administracións autonómicas para o desconfinamento. 

Nesa liña, segundo sinalaron fontes parlamentarias de ERC e Junts a medios cataláns, Carmen Calvo tería pedido a estes grupos que lles remitisen propostas para incluír modificacións no decreto de alarma.

A portavoz do PSOE, Adriana Lastra, dirixiuse ao deputado do BNG, Néstor Rego, para conversar precisamente sobre un novo decreto de estado de alarma. O Bloque, segundo informou a Nós Diario, trasladará ao PSOE as mesmas demandas que xa postulou con motivos dos anteriores decretos de alarma, na vía de recuperar autogoberno e competencias fronte á recentralización por ser, ademais, "ineficiente". 

E é que a actual prórroga aprobada supuxo gran tensión ao Goberno español, xa que até a última hora do día antes da votación non contaba coa seguridade de sacalo adiante. Foi entón cando se logrou o apoio do PNV e de Ciudadanos. 

O PP abstívose na anterior votación, mais agora o seu líder, Pablo Casado, anunciou o 'non' da súa formación. 

Nese sentido, a estratexia do Goberno sería recuperar o voto das soberanistas que lle permitiron a investidura e sumar Ciudadanos (Cs). Sobre a estratexia mantida na última semana polo Executivo español de pactar con Cs, preguntou a Sánchez no pleno o portavoz de EH Bildu, Oskar Matute. "Aposta pola dereita neoliberal recentralizadora e as súas políticas fronte á maioría progresista da investidura? Si ou non?". 

Matute instou de facto o presidente a "reconstruír as pontes e volver articular a maioría progresista da investidura, apostando por unha fronte progresista que fale de transformar e non tanto de reconstruír". 

Sánchez pediu ao deputado abertzale "non mesturar os debates", e sinalou que unha cousa é unha "necesidade", en referencia á declaración do estado de alarma, e outra diferente "é o proxecto político progresista" do Goberno de coalición, que persegue "reforzar o estado do benestar, fortalecer os dereitos e liberdades e protexer algúns que están postos en cuestión pola dereita e a ultradereita, como a igualdade de xénero".

Alén desta declaración de Sánchez, o certo é que na terza feira, 12 de maio, o presidente comprometeuse coa dereita representada por Ciudadanos a estudar acordos de "futuro" no plano económico e social, e ministras como María Jesús Montero (PSOE) ou Yolanda Díaz (Unidas Podemos) non descartan pactar os orzamentos con Inés Arrimadas.

Rego pide no Congreso recuperar as concesións hidroeléctricas 

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, requiriu na sesión de control ao Goberno coñecer “que empresas están xestionando os aproveitamentos hidroeléctricos revertidos no ámbito territorial das Confederacións Hidrográficas situadas na Galiza, así como a quen e en que condicións se lles voltou a conceder”.

A proposta defendida polo Bloque pasa por recuperar a explotación directa dos saltos hidroeléctricos a través dunha empresa pública, aproveitando a fin das concesións, e incluír medidas sociais naquelas cuxa recuperación aínda non sexa posíbel. 

“A Galiza produce e outros territorios consomen, un deseño económico de cariz colonial, contrario aos intereses e ás necesidades do noso país”, destacou o deputado nacionalista.
 

Comentarios