Sánchez evita confrontar con Junqueras mais non quere falar do dereito a decidir

O candidato á presidencia do Goberno central, Pedro Sánchez, non quixo responder ás esixencias do líder de Esquerra Republicana, Oriol Junqueras, quen nunha entrevista nun medio estatal avisou que ERC votará non na investidura, de non haber unha mesa de negociación entre Goberno estatal e catalán. As condicións da formación republicana aséntanse en que nesa mesa bilateral se poida falar de todo, en referencia ao dereito de autodeterminación, e se formule un calendario e uns mecanismos que garantan o cumprimento dos posíbeis acordos. 
 
Pedro Sánchez en Bruxelas (Presidencia do Goberno)
photo_camera Pedro Sánchez en Bruxelas (Presidencia do Goberno)

Após as tres reunións oficiais de negociación xa producidas entre as equipas do PSOE e ERC para lograr a abstención das republicanas na votación de investidura no Congreso dos Deputados, Pedro Sánchez voltou a definir a situación en Catalunya de “conflito político”, en lugar de “problema de convivencia”, como fixera durante a campaña e no preacordo con Unidas Podemos para un Goberno de coalición. 

Nese sentido, Sánchez sinalou onte mesmo "o diálogo” como “o método para resolver os conflitos políticos". De todas formas, matizou que iso se debe facer "no marco da seguridade xurídica que emana das leis democráticas". Ese, dixo Sánchez en rolda de prensa en Bruxelas, é a formulación que está a facer o PSOE nas súas conversacións con ERC. Con estas palabras, voltou o PSOE a pecharse en banda para falar sobre o dereito de autodeterminación.

As negociacións co soberanismo continúan e os termos que emprega Sánchez seguen mudando aos poucos

Con todo, as negociacións co soberanismo continúan e os termos que emprega Sánchez seguen mudando aos poucos. Así, nas súas últimas comparecencias públicas o líder do Partido Socialista afirmou que o acordo con Esquerra sería público e estaría no marco da Constitución, mais hoxe, 13 de decembro, empregou a expresión "seguridade xurídica", a mesma que se incluíra na Declaración de Pedralbes que acordara co president catalán, Quim Torra, en decembro de 2018. Nela tamén recoñecera Sánchez a existencia dun conflito político. Daquela, o Goberno central fixera fincapé en que a seguridade xurídica supuña un punto de partida con respecto á Constitución, mentres que Torra defendía que esa expresión permitía abrir unha fenda para "superar" o marco constitucional.

Foi Pere Aragonés, o vicepresident da Generalitat e líder de ERC, quen propuxo tornar aos acordos e clima de Pedralbes para negociar a investidura de Sánchez co PSOE. 

O que aínda segue sen datar é a votación para a designación de presidente do Goberno. ERC xa avisou a Sánchez de que non sería doado chegar a un acordo en decembro, xa que neste mes haberá previsibelmente unha serie de resolucións xudiciais que decidirán sobre a inmunidade de Junqueras, a inhabilitación de Torra por non retirar lazos amarelos da Generalitat a tempo durante a campaña electoral e saberase se Bruxelas acepta a euroorde contra Puigdemont. 

Nos dous días que permaneceu en Bruxelas con motivo do Consello Europeo, Sánchez evitou pór data á investidura e non precisou se habería posibilidade de que fose antes de 31 de decembro. Sánchez si anunciou que no seu discurso de investidura confirmará a súa intención de emprender a reforma do financiamento autonómico.

O Parlament voltará a votar sobre o dereito a decidir

Para non prexudicar as negociacións entre PSOE e ERC, Junts retirou no Parlament unha moción sobre autodeterminación. Finalizada a terceira reunión negociadora, Junts apresentouna de novo hoxe. Nela pide ao Parlament constatar que se deben promover iniciativas para acordar "unha solución democrática ao conflito político", que debe pasar polo dereito de autodeterminación.

O PdeCat transita cara á unión en Junts

O presidente do PDeCat, David Bonvehí, anunciou esta sexta feira que a súa formación acordou "transitar" cara a Junts per Catalunya, coa intención de conformar unha soa estrutura, e baixo o liderado do ex president da Generalitat, Carles Puigdemont. 

A proposta, que parte da dirección do partido posconverxente, debaterase previsibelmente en sábado no Consell Nacional do PDeCat en Barcelona, onde se falará sobre o encaixe do partido no espazo político de Junts per Catalunya, xa que a decisión non ten por que implicar directamente a disolución da formación demócrata e non se adiantou se a proposta do PdeCat é de formar unha soa estrutura ou ben, se optará por ter unha pluralidade orgánica interna. 

Comentarios