Sánchez defende Felipe VI e pon a Coroa á marxe dos escándalos

Os 4,4 millóns que Juan Carlos I depositou en Facenda "sen requirimento previo" -segundo di o seu avogado- serían cartos prestados por empresarios e amigos españois do rei emérito que foron reunindo fondos até alcanzar eses máis de 4 millóns. Ao seren  préstamos e non doazóns, Juan Carlos I non tería que tributar por esa cantidade.
O xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, compareceu onte ante os medios na Moncloa (Foto: E. Parra / Europa Press)
photo_camera O xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, compareceu ante os medios na Moncloa (Foto: E. Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, expresou o seu "rexeitamento" ás "condutas  incívicas" do rei emérito, Juan Carlos I, tras coñecerse a súa segunda regularización fiscal, á vez que saíu en defensa de Felipe VI e da Coroa.

Nunha rolda de prensa na Moncloa, Sánchez recoñeceu que este tipo de noticias xeran "sentimento de perturbación e incomodidade" no Goberno, pero recalcou que "non se están a xulgar institucións" senón o comportamento dunha persoa en concreto: Juan Carlos I. Así, recalcou que non se está cuestionando "a Casa Real nin a Coroa" e fixo unha firme defensa do actual rei, que na súa opinión "marcou un antes e un despois a favor da exemplaridade, a transparencia e o bo uso dos recursos públicos" e que conta con todo o seu apoio, exclamou.

Sánchez defendeu que "se alguén cometeu irregularidades o que ten que facer, faltaría máis, é reparalas", e respecto ás "condutas  incívicas" do emérito manifestou "de forma rotunda" os seu "rexeitamento". "Sinto o mesmo rexeitamento que a maioría da cidadanía española", recalcou.

Juan Carlos I pagou 4,4 millóns de euros para saldar a débeda con Facenda polos cartos dos que se beneficiou da fundación Zagatka para custear viaxes privadas de 2003 a 2018. Esta é a segunda regularización fiscal de Juan Carlos I que se coñece, e chega logo de ter realizado outra o pasado mes de decembro por 678.000 euros. Segundo informou a Cadena Ser, os 4 millóns serían cartos prestados por "un grupo de empresarios e amigos españois" do emérito. Tras estas regularizacións, coas que evitaría delitos fiscais, estaría a súa pretensión de voltar a España. 

O presidente do grupo parlamentar de Unidas Podemos, Jaume Asens, discrepou de Sánchez: "Non son condutas incívicas", dixo, "é criminalidade". Pola súa banda, as forzas nacionalistas BNG, ERC, Junts, PDeCat, a CUP e Bildu uníronse para pedir explicacións á ministra de Facenda por este segundo pago do emérito.

A renovación do Poder Xudicial, de novo á deriva

Pedro Sánchez tamén se referiu na rolda de prensa de Moncloa ao PP para instalo a levantar os vetos que impiden chegar a un acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Precisamente, o PP recoñeceu esta sexta feira, 26 de febreiro, que o bloqueo no CXPX mantense aínda polos seus vetos a dúas propostas que defende o Goberno para as vogalías: a da maxistrada Victoria Rosell (actual delgada do Goberno para a violencia de xénero) e a do xuíz José Ricardo de Prada, un dos autores da sentenza da Gürtel que motivou a moción de censura contra Mariano Raxoi.

O líder dos populares, Pablo Casado, explicou no cumio do partido que non aceptarán eses nomes, chamando agora a "despolitizar" o órgano de Goberno dos xuíces. 

Liberdade sexual

Pola súa banda, a delegada do Goberno Victoria Rosell manifestouse para restar importancia ao informe crítico que o CXPX emitiu contra a lei de liberdade sexual que prepara o Goberno.

O ditame do Poder Xudicial critica os aspectos máis destacados da lei, como a definición de consentimento ou a absorción do delito de abusos sexuais no de agresión sexual. Rosell asegurou que o ditame "non é tan contundente" como outros anteriores do CXPX en relación a leis como a do matrimonio, que o órgano de Goberno dos xuíces chegou a comparar coa "poligamia e a zoofilia", dixo.

Comentarios