venres 15/10/21

Sánchez anuncia que “en breve” as máscaras deixarán de ser obrigatorias no exterior

Nunhas semanas, o 50% da poboación terá polo menos unha dose e a folla de ruta está clara e está a cumprirse", dixo o presidente español.
Unha nena leva unha máscara na praia das Salseiras, no municipio da Laracha (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Unha nena leva unha máscara na praia das Salseiras, no municipio da Laracha (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, dixo esta cuarta feira que "pronto abandonaremos as máscaras" no exterior agora que se alcanzou a "velocidade de cruceiro" na vacinación e que nuns días haberá 15 millóns de persoas vacinadas en todo o Estado .

Sánchez fixo balance dos avances na campaña de vacinación despois de rexistrar 3,5 millóns de doses inoculadas a semana pasada, durante a súa intervención nunha reunión de negocios co presidente surcoreano, Moon Jae In, que está de visita no Estado español.

"Nunhas semanas, o 50% da poboación terá polo menos unha dose e a folla de ruta está clara e está a cumprirse", dixo, referíndose ao obxectivo de que o 70% dos cidadáns estean vacinados a finais do verán.

Tras recoñecer o "duro golpe" que a pandemia deu á economía española, surcoreana e global, Sánchez volveu afirmar que "a vacinación total é a ponte para a recuperación".

A decisión de retirar as máscaras exteriores parece inminente, aínda que a Comisión de Saúde Pública, na que están representadas todas as comunidades e o Ministerio, non abordou o tema na reunión da terza feira

A principios do mes de xuño o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, confiaba en que a vacinación da cidadanía avance a un ritmo que permita que a máscara xa non fose obrigatoria en espazos abertos e coa distancia de seguridade.

O presidente galego, Núñez Feixoo, manifestaba a mediados de maio que “o lóxico é que a máscara vaia caendo a partir do mes de xullo ou agosto”, comentou, se ven referíase só a espazos exteriores. Insistiu na cuestión de que os movementos sexan “ao aire libre”.

comentarios