Sánchez anuncia axudas por 11.000 millóns de euros para turismo, hostalería e pequeno comercio

Destinarase a "novas actuacións para empresas, pemes e traballadores autónomos".
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a sesión de onte de control ao Goberno no Congreso dos Deputados.
photo_camera O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a sesión de onte de control ao Goberno no Congreso dos Deputados.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou  esta cuarta feira ante o Pleno do Congreso que o Goberno español aprobará proximamente un novo fondo de 11.000 millóns de euros para "novas actuacións para empresas, pemes e traballadores autónomos" do turismo, a hostalería e o pequeno comercio.

Na súa intervención para informar a Cámara da aplicación do vixente estado de alarma, Sánchez asegurou que con estes recursos buscarase "reforzar a solvencia dos balances", facilitar o retorno da actividade, "facer os investimentos necesarios" e a contratación de traballadores.

O presidente do Goberno español destacou que, desde o inicio da pandemia, o Executivo comprometeu en recursos o 20% do PIB  “nun exercicio de protección nunca antes visto", entre financiamento a través dos avais públicos do  ICO, o sistema de protección de emprego dos  ERTE e transferencias ás comunidades autónomas.

"Só o pago dos salarios dos  ERTEs e as prestacións ascende a uns 40.000 millóns de euros de axudas directas", asegurou Sánchez.

Así mesmo, asegurou que as transferencias ás comunidades autónomas desde o inicio da pandemia supera os 24.000 millóns de euros, concibidas para reforzar a atención sanitaria pero tamén, dixo, para inxectar axudas directas ao ser as administracións máis próximas e coñecedoras do impacto das restricións aplicadas e, por tanto, as compensacións que se debían derivar delas.

Comentarios