O debate da investidura

Sánchez di agora que racha con Podemos, a quen coloca no mesmo plano que Vox

Se isto é unha partida de póker, este ten o aspecto de ser o penúltimo farol. O presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, declarou esta segunda feira que o seu homólogo de Podemos, Pablo Iglesias, rachou facticamente as negociacións para a investidura ao convocar unha consulta das súas bases que cualificou de "mascarada". Para Sánchez, a formación morada xa tería decidido votar "non á investidura con Vox".

pedro sánchez pablo iglesias
photo_camera Sánchez e Iglesias, na súa última reunión

A apenas unha semana da sesión de investidura (axendada para o 22 de xullo), o candidato Sánchez só conta con 124 votos seguros, os do PSOE e os do Partido Rexionalista de Cantabria. Non manterá as chaves da Moncloa se non consegue o respaldo do grupo parlamentar de Unidas Podemos (42 escanos). Os apelos a un voto responsábel e con sentido de estado por parte da dereita (PP e Cs) están abocados ao fracaso. Desde o staff de Sánchez tense deslizado, aliás, que se o asalto do 22X fracasa Sánchez non iría a unha segunda tentativa en setembro. Abriríase a carreira, pois, cara a unhas novas eleccións xerais, o 10 de novembro de 2019, as cuartas desde decembro de 2015, o período máis inestábel da historia do réxime de 1978.

Sánchez foi moi claro nunha entrevista na SER esta segunda feira. Ve rotas as negociacións con Podemos. Afirmou que a semana pasada Pablo Iglesias rexeitara a incorporación de cadros cualificados da súa formación política. Esta declaración contrasta coa información que fixo circular a súa contorna días atrás, segundo a cal a oferta a Podemos cinxíase a dirixentes sen perfil político, ou sexa, tecnócratas da órbita morada.

A perspectiva coa que enfrenta Sánchez a negociación con Podemos non é a dunha relación entre iguais. Do seu ponto de vista, a formación morada debe limitarse a propor nomes, mais en último termo el tería dereito de veto sobre eles. "Poden propoñerme nomes, mais non impoñermos", dixo. O problema para Sánchez é que con este esquema —el resérvase a prerrogativa de decidir que membros de Podemos entran no goberno— os votos de Iglesias distan moito de estaren garantidos.

Seguindo o rego do relato sanchista, Podemos convocou unha consulta ás súas bases para refrendar ou non o acordo co PSOE como unha "mascarada" para xustificar a ruptura. "A súa consulta rachou as negociacións porque van tratar de utilizar esta consulta trucada para xustificar o seu non á investidura por segunda vez", dixo, en alusión ao non do grupo parlamentar morado á investidura falida de Sánchez de marzo de 2016, aquela á que acudiu após ter pactado un programa de goberno con Cs.

O referendo interno sería, a ollos de Sánchez, un paso nunha estratexia que conduciría Unidas Podemos a votar non "con Vox". O secretario xeral do PSOE non aludiu aquí a PP e Cs, que previsibelmente tamén votarán non, senón só a formación ultra. A intención é evidente: retratar unha pinza Podemos-Vox contra o Goberno Sánchez, culpar a organización de Iglesias da non constitución dun novo executivo de esquerdas. Esa é a historia sobre a que previsibelmente levantaría a formación socialdemócrata a súa campaña de se consumar o fracaso na investidura e a nova chamada ás urnas.

Non é previsíbel, porén, que estea dita a última palabra antes do 22X. Os analistas demoscópicos de Ferraz cruzan datos para auscultar o estado da opinión pública. O panorama é moi incerto e entre os cenarios posíbeis non é o menos probábel o de que a dereita reagrupe votos arredor do PP e sume suficientes escanos para expulsar Sánchez da Moncloa. Esta variábel é a que baralla Iglesias e a que fai pensar que a partida de póker ten aínda por diante algunhas bazas que xogar.

Comentarios