Sánchez advirte que "o PSOE nunca permitirá un referendo de autodeterminación"

O presidente do Goberno español defende no Congreso a legalidade dos indultos e reivindica o "espírito de concordia" da Constitución española

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no Congreso durante o debate sobre o sexto decreto do estado de arlama (Imaxe: Pool / EP)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no Congreso nunha imaxe de arquivo (Foto: Pool / EP)

"O PSOE nunca permitirá un referendo de autodeterminación". Así de claro advertiu o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na súa comparecencia no Congreso dos Deputados para explicar os indultos aos presos políticos cataláns. "Teñen que exercer o principio do realismo", acrecentou Sánchez en referencia ás aspiracións dos independentistas.

Sobre os indultos, Sánchez dixo que son parciais, non eliminan as inhabilitacións e non cuestiona o fallo do Tribunal Supremo español. Neste sentido, subliñou que son necesarios para abrir un camiño de diálogo coa Generalitat. "É a primeira resposta á grave crise en Cataluña", dixo

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso:  "Pedimos ao Goberno de España que recoñeza o dereito de autodeterminación para os pobos"

A resposta deulla durante a propia sesión o portavoz de ERC, Gabriel Rufián: “Di que nunca haberá un referendo de autodeterminación, mais tamén dixo que nunca habería indultos, así que denos tempo”. O de Esquerra, porén, centrou as súas críticas ás bancadas das dereitas (PP, Cs e Vox): Este Goberno indultou, si, a nove políticos e políticas inxusta e  salvaxemente encarcerados durante tres anos. E aquí non pasou nada, a xente non está a queimar nada na rúa”.  

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español sinalou na súa intervención, en relación aos indultos, que “non vai ser o BNG quen o critique por iso, mais é unha medida claramente insuficiente”.

“O que corresponde é a amnistía para as persoas condenadas ou exiliadas de Cataluña, porque exercer dereitos democráticos, como o de voto, nunca pode ser delito. É máis, pedimos ao Goberno de España que recoñeza o dereito de autodeterminación para os pobos que del formamos parte", manifestou.

Tamén se pronunciou sobre os indultos o portavoz do PNV na Cámara española, Aitor Esteban,  Aitor Esteban, que preguntou ao PP: Cal é a súa receita? Que volvan ao cárcere?". 

Para Íñigo  Errejón, pola súa parte, “os indultos son a garantía de que o conflito político volve á política, de onde non tiña que saír". Jaume  Asens, portavoz adxunto de Unidas Podemos, manifestou que “os indultos son un punto de fortaleza", e agradeceu os presos políticos cataláns que non se deixasen "vencer polo odio e a rabia que se respira hoxe na bancada da dereita". 

Comentarios