Salvini bate coa Emilia-Romaña

O ultra fracasa no seu obxectivo de se facer co antigo 'bastión vermello' para así forzar un adianto electoral en Italia. A dereita, iso si, imponse en Calabria. En ambas as dúas rexións, "desfeita" do Movemento 5 Estrelas

Stefano Bonaccini
photo_camera Stefano Bonaccini, gañador na Emilia Romaña

Emilia-Romaña resiste o asalto de Matteo Salvini e a súa dereita dura. Nas eleccións deste domingo esta rexión italiana, un dos bastións electorais da esquerda durante décadas, votou maioritariamente polo candidato de centroesquerda, Stefano Bonaccini, que logrou 51,3% dos votos, Case oito puntos por riba do que logrou a aspirante dereitista, Lucia Borgonzoni, que ficou en 43,6%. O Movemento 5 Estrelas desplómase e non chega ao 4% dos apoios nunha das zonas onde naceu con forza.

Estes resultados representan un revés para Salvini, que formulou estas eleccións como un verdadeiro plebiscito  sobre o gobernó italiano.O líder da Liga Norte, porén, quixo mostrarse contento: “Por primeira vez en 70 anos a Emilia-Romaña está partida (electoralmente). É emocionante”. “Non me sinto derrotado, gañas e perdes. Mais se perdo son igual de feliz, ao contrario: traballo o dobre. Terán que esperar os próximos vinte anos para verme canso".

A dereita recoñece que o 'movemento das sardiñas' fixo dano, ao abrir por primeira vez unha mobilización ampla e popular fronte Salvini e o que representa, logrando remobilizar sectores do voto que estaban na abstención cara á esquerda.

O gañador en Emilia-Romaña é o PD. O líder do partido, Nicola Zingaretti afirma que "de Emilia-Romaña chegou un sinal: Salvini sabe dicir os problemas pero non sabe como resolvelos e a xente reaccionou. Salvini perdeu”.

En Calabria gañou a dereita, con case 56% dos votos, mentres o candidato de centroesquerda ficaba en 30%. Ao igual que na Emilia-Romaña, o M5E rexistrou uns pobres resultados: neste caso, 7% dos votos. 

Comentarios