Salvador Illa: "Non falarei cun partido que me quere no cárcere"

Salvador Illa (1966) deixou de ser o ministro de Sanidade  para presentarse como candidato á Presidencia da Generalitat de Catalunya polo PSC nas eleccións do 14 de febreiro. O socialista participou dunha entrevista coral organizada pola Agència Catalana de Notícies (ACN), na que respondeu preguntas de diversos medios. 

O ex ministro de Sanidade, Salvador Illa, é o candidato do PSC á Presidencia da Generalitat (Foto: socialistes_cat)
photo_camera O ex ministro de Sanidade, Salvador Illa, é o candidato do PSC á Presidencia da Generalitat (Foto: socialistes_cat)

-Ve prudente unha mobilización de cinco millóns de persoas para ir votar coa terceira onda descontrolada? Algúns bautizárono como o peor ministro da Unión Europea. Se é president, que fará diferente respecto da etapa no Ministerio para frear a pandemia?

O noso país, España, Catalunya tamén, non fixo as cousas nin moito mellor nin moito peor que os países da contorna. Hai que ter un punto de prudencia e de humildade e fuxir desas afirmacións. Hai unhas cantas leccións para aprender da pandemia. A primeira é a necesidade de non facer política con ela e si de actuar unidos.

Tamén hai que facer fronte aos negacionistas que xurdiron nalgúns países que non actuaron a favor da ciencia. 2021 será o ano da vacinación. A miña prioridade sería tomar medidas como o aumento de recursos e penso que en Catalunya deberiamos chegar a 7% do PIB en gasto sanitario.

-E que faría diferente do actual Govern na xestión da pandemia?

Da miña boca non saíu ningunha crítica ás decisións que tomou a Generalitat. É máis, apoieinas e continúo a facelo. Teño plena confianza nos servizos de saúde pública de Catalunya e nos profesionais que o dirixen.

-Con quen está disposto a negociar a investidura?

Conversarei con todos excepto cos que me queren pór en prisión. Apelo á ampla maioría de cataláns que quere pasar páxina, logo de dez anos dunha viaxe a ningunha parte, de perdermos o tempo, e esta pandemia chegou  no peor momento: cun país dividido, cun Govern que está bloqueado e paralizado.

A miña candidatura achega o que pide: pasar páxina, reencontrarnos, o diálogo dentro da lei. Quero un Govern de cambio, unha fórmula que xa funciona, creo que con éxito, no Goberno de España e no de Barcelona. 

En España, o Goberno do que tiven a honra de formar parte, conseguiu aprobar un orzamento, o máis social da democracia, logrou facer fronte a unha pandemia nuns termos de xestión similares ao resto de países europeos, e foi facendo prosperar proxectos que dan máis dereitos á  cidadanía, como a lei por unha morte digna.

-Aceptará  os votos de  Vox para a investidura?

Xa o dixen moi claro, cun partido que me quere no cárcere non falaremos nin eu nin o PSC.

-Buscará antes o apoio de ERC que o de Ciudadanos?

Na política catalá hai unha enorme diferenza: eles pensan que a mellor opción é a independencia e eu penso que a mellor opción é o reencontro, centrado en protexer a saúde, recuperar a economía e garantir que ninguén quede atrás. Isto fai difícil chegar a acordos con ERC en materia de constitución dun Govern. 

Eu quero un Govern de cambio, que supere a situación en que nos atopamos. Insisto: apelo aos cataláns que queren pasar páxina. Esta xente pódeme dar unha forza moi importante e, sumada a outras formacións políticas, como por exemplo os Comúns, que tamén teñen un proxecto de progreso, podemos ter bastante forza para constituír un Goberno.

-E sentiríase cómodo nun Govern de PSC e Comúns, con algún apoio puntual de ERC?

Nunca me neguei a falar con todo o mundo e a buscar acordos factíbeis. Lévoo facendo durante toda a miña traxectoria política. O país ten que chegar a consensos importantes. A Catalunya foille ben cando estivo unida e traballou con obxectivos comúns. É factíbel volver facelo se nos centramos naquilo que nos une.

-Vacinouse?

Non. Fareino cando me toque.

-Di que os debates que propón o independentismo son estériles e inútiles. Por que sentou como negociador á mesa de diálogo se tiña estas consideracións? 

Formei parte da mesa de diálogo non en representación da Moncloa senón do PSC. É un matiz importante. Alí negociábamos a investidura de Pedro Sánchez. Logramos unha serie de pactos que fomos cumprindo. Un era a posta en marcha dunha mesa de diálogo entre Gobernos que se reuniu en febreiro de 2020 e, se non se reuniu máis, foi porque había dificultades na contraparte catalá.

Respecto das demandas independentistas, o noso marco de convivencia permite que as persoas que pensen que a independencia de Catalunya é a mellor solución o sigan defendendo. Agora, non teñen dereito a romper o marco de convivencia. Eu propoño unha solución: reencontrarnos. Respecto a quen defende a independencia, pido que me respecten tamén a min. Como o resolvemos? Sentando e falando. Cunha única condición: respectar o marco de convivencia, o estado de dereito. Diálogo dentro da lei.

Comentarios