mércores 03/03/21

Salvador Illa abandona mañá o Ministerio de Sanidade

A Moncloa informa de que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, dimitirá esta terza feira, 26 de xaneiro, para centrarse nas eleccións catalás. Isto impide que acuda a dar contas no Congreso, tal e como os partidos prevían para esta quinta feira. Con todo, a oposición impúxose ao PSOE e Unidas Podemos e aprobouse realizar esta semana a comisión de Sanidade na Cámara Baixa. 
O presidente español, Pedro Sánchez, eloxiou Salvador Illa como ministro de Sanidade (Foto: Moncloa)
O presidente español, Pedro Sánchez, eloxiou Salvador Illa como ministro de Sanidade (Foto: Moncloa)

O ministro de Sanidade, Salvador  Illa, deixará esta terza feira, 26 de xaneiro, a carteira após participar do Consello de Ministras e Ministros, que será o último ao que acuda antes de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, desvele o nome da persoa que o substitúa, a cal previsibelmente irá na cuarta feira ao Palacio da Zarzuela para tomar posesión ante o rei como titular de Sanidade.

Cando en decembro transcendeu que Illa sería o candidato do PSC ás eleccións catalás, o Goberno español barallaba a posibilidade de que fose a ministra de Política Territorial, Carolina  Darias, quen o substituíse. 

Ademais, apuntábase a que sería o líder do PSC, Miquel Iceta, quen supliría Darias á fronte de Política Territorial. O líder do PSC xa soou con anterioridade para ese posto. Aliás, a pasada quinta feira o propio Iceta asegurou que Illa dimitiría como ministro antes de que nesta sexta feira dea comezo a campaña electoral.

Pola súa banda, Pedro Sánchez despediu esta segunda feira publicamente Salvador Illa destacando a súa "humildade", agradecendo o seu traballo durante a pandemia, e tamén defendendo a súa decisión de liderar a candidatura do PSC á Generalitat e asumir un desafío "complexo pero moi necesario" como é "o labor do reencontro".

Sánchez aproveitou o que foi o seu último acto xunto a Illa como ministro, durante a súa visita á Axencia Española de Medicamentos para encomiar a súa xestión.

A oposición imponse

A Deputación Permanente do Congreso aprobou cos votos da oposición e o voto en contra do PSOE e de Unidas Podemos convocar unha reunión extraordinaria da comisión de Sanidade para que o titular do departamento informe da evolución da pandemia.

A comparecencia estaba pensada para Illa, que mesmo chegou a solicitala en xaneiro e o Congreso pensaba realizala esta quinta, pero desde a Moncloa decidiuse precipitar a súa substitución. Así que, ou ben Illa adianta a comparecencia antes de dimitir ou ben será quen o substitúa quen acuda esta semana á comisión de Sanidade.

comentarios