El Salvador: o FMLN acada na primeira volta o 49% dos votos e vence en 13 dos 14 departamentos

O Frente Farabundo Martí de Liberación Nacional venceu en 13 dos 14 departamentos salvadoreños e coloca á ex-guerrilla na mellor posición para recuncar da man de Salvador Sánchez Cerén, actual vice-presidente, de cara á segunda volta.

fmln

O FMLN gañou en 13 dos 14 departamentos de El Salvador, obtendo o 49% dos votos (11 puntos por riba do seu máis directo rival, a dereitista Arena, impulsora e protectora nos 80 dos escuadróns da morte). Xa que logo, a fronte esquerdista sitúase nunha condición inmellorábel de cara á segunda volta e de situar a Salvador Sánchez Cerén como novo presidente. Collerá o relevo de Mauricio Funes, tamén do FMLN, que dirixía o país após gañar coa fronte as eleccións en 2009.

O FMLN gañou as eleccións de 2009 poñendo fin a máis de 2 décadas da dereita dura de Arena. Quere recuncar, e co 49% dos votos está en boa posición, para "construír ante, con, desde, para, por, o pobo"

Nestes 5 anos a antiga guerrilla marcou como obxectivos a redución da gran desigualdade existente en El Salvador, aplicar un programa real de dereitos humanos, reducir os niveis de criminalidade e sentar os alicerces dun desenvolvemento económico non dependente.

Do 'conciencia y fusil' a 'Primero, la gente'

O FMLN foi nos 80 a guerrilla que combateu o terror do Estado. Era a época de 'Conciencia y Fusil'. Anos nos que os escadróns da morte adestrados pola CIA probaban en El Salvador un manual de contra-insurxencia para combater o comunismo que implicaba desde asasinatos en masa a violacións, torturas ou desaparicións. Accións que se desenvolvían principalmente nas áreas camponesas por ser estas, a entender do goberno salvadoreño (en mans de Arena) o caldo de cultivo da guerrilla. As violacións de dereitos humanos afectaban especialmente ás comunidades indíxenas.

Nun país de menos de catro millóns de habitantes houbo 80.000 mortos en dez anos, 550.000 desprazad@s intern@s e perto de 60.000 persoas fuxiron o estranxeiro

En 1990 comezaron as negociacións de paz da man da ONU. Nas primeiras eleccións após a guerra o FML concorreu coa lenda de 'Primero, la gente'. Aí sentaron as bases para a progresión electoral que acabaría por lles levar á vitoria.


 

Comentarios