As Salomón advirten que o referendo en Malaita é ilegal

As arelas secesionistas de Malaita ─aliado de Washington─ veñen de vello, mais incrementáronse no último ano logo do Goberno central decidir mudar a súa alianza de Taipei a Beijing.
solomon_goberno
photo_camera Membros do Executivo das Illas Salomón (Nós Diario)

O Goberno das Illas Salomón, tal e como se prevía, afirmou que a proposta dun referendo de independencia na provincia de Malaita é ilegal. "Calquera provincia que participe en actividades ilegais será tratada en concordancia coa Lei Provincial de 1997", segundo un comunicado do Ministerio da Administración Provincial publicado por Solomon Business Magazine.

Daniel Suidani, presidente provincial de Malaita, a máis poboada das illas de Salomón, anunciou a semana pasada que tiña previsto organizar un referendo de independencia en datas vindeiras. Un anuncio que chegou no marco das tensións entre a China e os Estados Unidos, ás que se suma a actual pandemia.

As arelas secesionistas de Malaita veñen de vello, mais incrementáronse no último ano logo do Goberno central decidir mudar a súa alianza de Taipei a Beijing. O Goberno da República Popular da China exixe ser recoñecido como o único Goberno lexítimo para estabelecer relacións diplomáticas, mais o goberno de Malaita mantense fiel a Taiwán e aos Estados Unidos, que proxecta a construción dun porto de augas profundas na maior das illas das Salomón.

Ademais, a recente chegada dun avión con traballadores da China ─país que segue asociado cos riscos da pandemia─ fixo que sectores da poboación mostrasen temor a que o coronavirus chegase no avión. Ademais, en Auki, a capital de Malaita, os propietarios de estabelecementos de orixe chinesa recibiron ameazas para fecharen os negocios e marcharen da illa.  

O Goberno central agora advirte que o presidente provincial non ten poderes baixo a citada lei para convocar un referendo e que calquera gasto dos fondos provinciais destinado a este fin sería ilegal e carrexaría unha acción legal.

Manifestación

Ademais, na segunda feira desenvolveuse unha manifestación en Auki despois de se coñecer a intención do Goberno das Illas Salomón de retirar do cargo o seu delegado en Malaita, Fredrick Fa'abasu, segundo informou Solomon Times.  

Suidani dixo que fará todo posíbel para que Fa'abasu, "que tanto fixo por mellorar a nosa provincia" se manteña no cargo. "Non é ningún segredo que o Goberno está a facer isto para agradar o seu novo amigo, a República Popular da China", declarou o dirixente, aliado de Washington.

Comentarios