Sacrificio de nai: burqa a cambio de escola

Mulleres afgás participan nunha insólita manifestación na cidade de Herat.
herat_protest_ZahraRahimi2 (1)
photo_camera Unha das participantes na protesta. Varias marchas similares repetíronse nas últimas horas noutras cidades do Afganistán como Kabul (Foto: Zahra Rahimi / Twitter)

O lustro do primeiro Goberno talibán (1996-2001) no Afganistán caracterizouse pola imposición da lei islámica, a sharia, nunha das súas interpretacións máis severas. Mulleres e minorías étnicas e relixiosas viron acernados dereitos humanos tan básicos como o ser. O ser e decidir por unha mesma.  

Durante aquel período, nenas, raparigas e adultas tiñan prohibido ir á escola ou traballar fóra da casa. Ademais, vestir o burqa ─a prenda que cobre o corpo por completo, da cabeza aos pés, con só unha reixa de malla ante os ollos para poder ver─ tornouse obrigatorio para saíren da casa, sempre acompañadas dun varón. 

Obviamente, unha manifestación de mulleres nas rúas era un soño inimaxinábel.

Mais o onírico fíxose carne esta semana en Herat. Foi na quinta feira que entre 60 e 80 mulleres, segundo Al Jazeera, saíron á rúa para demandar ─mellor dito, sacrificar─ o que só unha nai pode sacrificar: a súa vontade a aceptaren levar burqa sempre e cando as súas fillas poidan ir á escola.  

"Estamos preparadas mesmo a vestir o burqa se nolo piden, mais queremos que as mulleres poidan ir á escola e ao traballo", declarou en conversa telefónica a AFP Fereshta Taheri, fotógrafa de profesión. "É o noso dereito ter educación, traballo e seguridade", engadiu. 

Herat, unha antiga cidade da Ruta da Seda, está situada perto da fronteira co Irán e con máis de medio millón de habitantes é a terceira maior do Afganistán. Está considerada a máis cosmopolita do país, aínda que o burqa seguiu a ser usado por algunhas mulleres nestas dúas últimas décadas.

A volta dos talibán ao poder veu acompañada de certas promesas, como que as mulleres poderían traballar e ver os seus dereitos salvagardados, sempre ─sinalaron os seus dirixentes─ baixo os límites impostos pola sharia.

"Non se pode formar un Goberno sen mulleres", manifestou Basira Taheri, unha das organizadoras da manifestación. O anuncio da composición do novo Executivo afgán ─que estará liderado polo cofundador do movemento taliban Abdul Ghani Baradar, segundo adiantou Reuters─ é inminente. 

Preguntados pola posibilidade de houberen mulleres, os portavoces talibán desbotárona, aínda que aceptaron que puidesen estar en cargos inferiores dentro da Administración. O xefe político en Qatar, Mohammad Abbas Stanikzai, ratificou nas últimas horas nunha entrevista na BBC que non haberá mulleres no Goberno. 

Outra das manifestantes, Mariam Ebram, asegurou que a maioría permanecen encerradas nas casas. As que "ousaron" regresar aos seus traballos, como por exemplo doutoras e enfermeiras, están a ser obxecto de burla por parte dos talibán, que tampouco se dirixen directamente a elas e que as ignoran.

Xuízas e reos

Máis alá da mofa e do desprezo vai a situación que están a vivir as xuízas afgás que non puideron ser evacuadas do país na segunda quincena de agosto. Son con avogadas e axentes da Policía unhas 250, segundo a Asociación Internacional de Mulleres Xuíces (IAWJ, en inglés); obxecto todas elas de ameazas de morte do militantes talibán que meses ou anos atrás mandaron ao cárcere e agora foron liberados.

A IAWJ continúa a traballar para lograr a evacuación destas mulleres en grave risco de seren asasinadas como aconteceu en xaneiro pasado con dúas maxistradas do Tribunal Supremo. E critica que tras o proceso de educación e preparación das últimas dúas décadas, os países occidentais non as considerasen persoas prioritarias no plan de evacuación.  

As mulleres collen o fusil en Panjshir

O enfrontamento armado na rexión de Panjshir, último bastión da resistencia contra os talibán, intensificouse nas últimas horas. Informacións nas redes sociais ─sen contrastar xornalisticamente─ aseguran que a Fronte Nacional de Resistencia conseguiu abortar unha nova ofensiva talibán e controla enclaves na limítrofe Parwan, onde as mulleres estarían a participar nos combates. Reporteiros de medios internacionais sobre o terreo informaron de que os talibán estaban a disparar unha gran cantidade de artillaría pesada. 

Comentarios