En México hai 80,6 millóns de usuarios de internet maiores de seis anos: 76,6% da poboación urbana e 47,7% da poboación rural. No total dos fogares do país, 44,3% dispón de computadora e 92,5% conta con polo menos un televisor. Son datos da última Enquisa Nacional sobre Dispoñibilidade e Uso de Tecnoloxías da Información nos Fogares, correspondentes a 2019.
En México hai 595.841 casos rexistrados de contaxios da Covid-19. Destes, 64.158 resultaron no falecemento do paciente. Ademais, foi o país do mundo onde se produciron máis mortes nas últimas 24 horas e o segundo, despois da India, con maior número de novos positivos. Son datos ofrecidos pola Secretaría de Saúde, os últimos dispoñíbeis.
Esta combinación de factores levou a un inicio de curso escolar especialmente complicado. As autoridades tomaron a decisión de adiar a volta presencial aos centros e, no seu lugar, optaron pola educación a distancia.
Porén, a fenda dixital obrigou a botar man de solucións analóxicas: até que se produza unha caída notábel no número de infeccións, os menores recibirán aulas a través de programas de televisión emitidos polas principais canles a nivel nacional.
O Goberno mexicano asinou a comezos do mes de agosto un acordo cos dous máis importantes grupos de comunicación do país, Televisa e TV Azteca, así como con Grupo Imagen e Grupo Multimedios, para este tipo de transmisións que deron comezo a semana pasada. Arredor de 30 millóns de estudantes dos distintos niveis educativos son os potenciais receptores.
Semáforo epidemiolóxico
"Actualmente non se dan as condicións para a educación presencial", manifestou na presentación do plan Esteban Moctezuma, ministro de Educación da segunda maior economía de toda América Latina. "Estamos na obriga de buscar alternativas; de buscar respostas para que as nenas, os nenos e os adolescentes continúen a ter acceso á educación", argumentou Moctezuma, que antes de asumir o actual cargo no Executivo mexicano era un alto directivo do departamento benéfico de TV Azteca.
O Goberno ten previsto manter esta situación até que o "semáforo epidemiolóxico" que instaurou a nivel estatal non baixe a verde, dentro da súa clasificación de catro cores en función do risco. Desde onte e até o domingo, Colima será o único Estado que continúe en vermello, segundo informou a Secretaría de Saúde. Outros 21 estarán en cor laranxa e o resto en amarelo.
Aínda que case 93% dos fogares mexicanos teñen un televisor, as autoridades tamén están a botar man da radio para tentar chegar á totalidade dos escolares do país. Ademais, o sinal de televisión (o período de transición da analóxica á dixital estaba previsto que finalizase no ano 2021) non cobre 100% do territorio. Nin moito menos, a conexión de internet.
Outros exemplos
México é pioneiro en usar a televisión no contexto da educación formal: en 1968 instaurou Telesecundaria, un modelo de emisión por vía satélite a teleaulas comunitarias para chegar ao estudantado deste ciclo en áreas rurais. Mais non é o único caso. Por exemplo, nos Estados brasileiros do Amazonas e do Pará a televisión xoga un importante papel na educación, ferramenta que se leva usando en toda a rexión da Amazônia desde a década de 1970.
Na Arxentina, o programa Seguimos Educando estreou o pasado mes de abril a emisión de 14 horas de contidos televisivos e de sete horas de contidos radiofónicos a través dos medios públicos. Para cada lección conta coa presenza dun docente e dun presentador (xornalista, artista ou científico). Ademais, o Executivo distribuíu libros escolares de apoio entre os fogares sen conexión a internet.
Tamén en Colombia durante o último confinamento se emitiu a través de Señal Colombia o espazo 3, 2, 1 Edu-Acción, con programación especial para todas as idades. En Radio Nacional de Colombia, o programa Profe en tu casa, dirixido por docentes.
No Perú, tamén hai experiencias similares. Ademais, o Goberno traballou coas emisoras locais para que os contidos educativos estivesen dispoñíbeis nas linguas orixinarias.
E o Ecuador, Costa Rica ou El Salvador son outros exemplos do uso da televisión para a educación telemática en tempos de pandemia, en tempos de fenda dixital.
A África sen luz bota man das radio-escolas
O acceso a internet é aínda máis limitado nos países de África, onde nalgúns casos nin sequera hai electricidade. A radio, con capacidade de autonomía, máis simplicidade e maior alcance, xoga nestes casos un papel esencial para manter minimamente o proceso educativo. Segundo datos de Unicef, uns 297 millóns de escolares víronse afectados polas clausuras dos centros como consecuencia da pandemia.
Esta axencia da ONU, canda outras como a Unesco ou o Banco Mundial, ofreceron a súa asistencia no estabelecemento de iniciativas educativas a través de emisións radiofónicas en Ghana, Madagascar ou Costa de Marfil. Na República Democrática do Congo, a emisora financiada pola ONU Radio Okapi ofrece dúas veces ao día programas educativos para estudantado de primaria e da secundaria. E en Ruanda, Unicef colabora coa Rwanda Broadcasting Agency para producir e emitir aulas de alfabetización e de regras matemáticas básicas.
Unicef tamén asinou proxectos de colaboración con empresas de telecomunicación co fin de levar internet ás zonas rurais.