Wagner anuncia a toma de Bakhmut polos rusos tras 224 días de combate

O responsábel da compañía Wagner, Yevgueni Prigozhin, vén de confirmar a toma da cidade de Bakhmut polos rusos. Precisamente, os combatentes desta compañía loitaban desde hai 224 días polo control dese emprazamento decisivo na loita por Donetsk. 

Dous soldados ucraínos en marzo nas inmediacións de Bakhmut (Donetsk). (Foto: Adrien Vautier / Europa Press)
photo_camera Dous soldados ucraínos en marzo nas inmediacións de Bakhmut (Donetsk). (Foto: Adrien Vautier / Europa Press)

Yevgueni Prigozhin indicou este sábado que “hoxe, ás 12 horas [hora local], Bakhmut foi tomado por completo”. Neste sentido, lembrou os 224 días de combate na cidade e agradeceu “ao pobo ruso e aos combatentes de Wagner o seu apoio”.

Prigózhin tivo, tamén, palabras de agradecemento para Serguei Surovikin, comandante adxunto da Agrupación Conxunta de Tropas na zona, e para Mijaíl Mizíntsev, xefe do Centro Nacional de Xestión da Defensa de Rusia, "por darnos a oportunidade de levar a cabo esta difícil operación".

O propietario da compañía que dirixiu o combate contra os ucraínos na cidade referiuse ao presidente ruso, afirmando “grazas a Vladímir Vladimirovich Putin por darnos esta oportunidade, a alta honra de defender a nosa patria”.

Os combatentes de Wagner abandonarán a cidade a partir de 25 de maio, transferindo as liñas de defensa e as posicións de control da cidade ao Ministerio de Defensa ruso, con quen mantivo diverxencias ao longo desta batalla a compañía.

Artiomovsk

Bakhmut, coñecida en ruso por Artiomovsk, converteuse no escenario dalgúns dos combates máis longos e intensos do operativo ruso contra Ucraína. Malia descoñecerse a cifra de mortos totais nesta batalla, os analistas consideran que foron moi elevadas para ambos bandos.

As forzas armadas rusas e ucraínas resaltaron a importancia estratéxica desta cidade na loita polo control dos territorios de  Donetsk. Neste sentido, explícase a grande cantidade de tropas e equipos destinados por ambos bandas para esta contenda.

O ministro de Defensa de Rusia, Serguei Shoigu, afirmou no mes de marzo que “esta cidade é un importante centro de defensa das tropas ucraínas en Donbass. O seu control permitirá realizar novas accións ofensivas profundamente na defensa das Forzas Armadas de Ucraína".

A cidade foi fundada a finais do século XVI co nome de Bakhmut . En 1924 foi nomeada como Artiómovsk en honra ao revolucionario bolxevique Fiodor Sergueiev, ao que se coñecía como Artiom. En 2016, a urbe volveu chamarse Bakhmut como parte de eliminación dos símbolos comunistas nesta área promovida polo Goberno ucraíno.

Resposta de Ucraína

As autoridades ucraínas explicaron ante o anuncio de Prigózhin que as súas forzas seguen combatendo nalgún distrito da cidade. A este respecto, o voceiro do Grupo de Forzas do Leste das Forzas Armadas de Ucraína, Serhi Cherevati, asegurou que “as súas forzas continúan loitando”.

 A vice ministra de Defensa de Ucraína, Hanna Maliar, recoñeceu que  a situación é "crítica" ante a chegada nos últimos días de reforzos rusos, pero asegurou que as súas forzas aínda “controlan algunhas instalacións industriais e de infraestrutura desta zona”.

Comentarios