EUA non fará "concesión ningunha" ante as propostas de Rusia mentres a OTAN segue a reforzarse no leste

A metade da poboación ucraína ve "posíbel" unha "invasión" do Exército ruso, segundo unha enquisa.
De esquerda a dereita e de arriba cara abaixo, Vladimir Putin (presidente de Rusia), Joe Biden (presidente dos EUA), Volodymyr Zelensky (presidente de Ucraína) e Jens Stoltenberg (secretario xeral da OTAN).
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba cara abaixo, Vladímir Putin, presidente de Rusia; Joe Biden, presidente dos EUA;, Volodymyr Zelensk, presidente de Ucraína, e Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Fotos: DPA / Europa Press).

Calma tensa en Ucraína. Polo de agora, todos os axentes implicados rexeitan facer predicións bélicas; ninguén quere abandonar o "espírito dialogante", ese mantra que se vén repetindo nas últimas datas desde Moscova, Washington e Kiev. Mais a realidade é que a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), co gallo dunha posíbel ofensiva rusa —que o Goberno ucraíno non cre viábel—, segue a reforzar a súa presenza militar na rexión.

Os Estados Unidos de América (EUA), por unha parte, non farán "ningunha concesión" a Rusia sobre as garantías de seguridade no seu territorio que este país reclama. A única forma de alcanzar acordos bilaterais será "dar pasos mutuos que beneficien ambas as nacións", segundo expuxo esta mesma semana o portavoz do departamento de Estado dos EUA, Ned Price, nunha conferencia de prensa. O "punto chave" para Price é que "calquera paso" que dean os EUA neste conflito "non sería unha concesión". E, en calquera caso, terían que ser recíprocos: "Os rusos tamén terían que facer algo que axudase a mellorar a nosa seguridade", dixo.

Cómpre lembrar, neste senso, que Rusia enviara a finais de 2021 senllas propostas de tratados á OTAN e os EUA, a fin de dar a coñecer as "garantías de seguridade" procuradas polo Kremlin, incluída a exixencia de que a organización militar do Atlántico se comprometese por escrito, a través dun acordo legalmente vinculante, a non expandirse cara ao leste de Europa.

Desde Moscova tamén avogaron nestes borradores por prohibir a colocación de misís perto das fronteiras rusas, así como a retirada dos soldados da OTAN ás posicións anteriores a 1997. En xaneiro Washington accedeu a debater estas propostas, mais insistiu en que a meirande parte non chegarán a ser consideradas.

A este respecto, Ned Price afirmou que os EUA "nunca" aceptarían vetar a entrada de Ucraína na OTAN, mais, segundo sostivo, o seu goberno si estaría disposto a acadar "varios acordos recíprocos sobre misís e transparencia de movementos de tropas".

Esta terza feira, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, afirmou que a súa organización está a traballar xa na súa propia proposta no que atinxe ás demandas rusas, un documento que enviará "a finais desta semana" en paralelo con Washington.

Tambores de guerra

Stoltenberg tamén negou que a OTAN vaia enviar tropas "de combate" a Ucraína, malia que, segundo informa o xornal Russia Today, "varios membros da OTAN teñen xa tropas no país e participan no 'adestramento' das forzas do Goberno ucraíno sobre como usar os sistemas de armas subministrados pola alianza".

Isto xa o confirmara a pasada semana o propio Goberno do Reino Unido: "Enviaremos un pequeno número de especialistas para adestrar o exército ucraíno". Londres, aliás, vendeu barcos a Kiev e concedeulle un préstamo por valor de 2.000 millóns de euros para modernizar a súa armada.

Cómpre lembrar a respecto desta cuestión que o buque Blas de Lezo partiu o pasado sábado de Ferrol rumbo ao mar Negro e, por outra parte, o Estado español avanzou tamén o envío de cazas de combate. De feito, esta terza feira o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, reiterou que o Executivo español "apoia a mensaxe clara de firmeza" da OTAN ante as "intimidacións" de Rusia.

Aliás, DinamarcaLituania e Países Baixos confirmaron que achegarán material militar, mentres Francia anunciou a mobilización de tropas cara a Romanía e Croacia comprometeuse a facer o propio.

Pola súa parte, as forzas occidentais acusan Rusia de ter posicionado máis de 100.000 militares na fronteira deste país con Ucraína.

Porén, Alexei Danilov, secretario do Consello de Seguridade Nacional e Defensa de Ucraína, sostivo esta segunda feira que un ataque ruso "é imposíbel fisicamente". "Hai movemento de tropas rusos no seu territorio? Si, hainos, e non é unha novidade para nos", dixo, e matizou que "quizais é unha nova para os nosos socios estranxeiros".

Mais unha enquisa publicada esta segunda feira apunta que case a metade da poboación ucraína cre "bastante posíbel" una "invasión rusa". Así, 48,1% das persoas enquisadas sinalaron esta opción, fronte a 39,1% que afirma que non haberá unha ofensiva desde Moscova.

Comentarios