Rusia sostén que Ucraína está "disposta" a asumir os "requisitos básicos" de Moscova

O Exército ruso intensifica a ofensiva en Chernigov e no Donbás.
EuropaPress_4351710_29_march_2022_ukraine_mariupol_russian_tank_drive_along_road_outside
photo_camera Un tanque ruso transitando ás aforas de Mariupol, esta semana (Foto: Maximilian Clarke / SOPA Images)

O xefe da delegación rusa que negocia con Ucraína a fin da guerra, Vladimir Medinski, asegurou nesta cuarta feira que Kíiv está "disposta" a cumprir cos "requisitos fundamentais" de Moscova en materia de seguridade, que implican non entrar na OTAN.

Medinski resaltou en declaracións á televisión rusa que de se cumpriren estes "requisitos", a "ameaza" de que a OTAN "cre un punto de apoio en territorio ucraíno será eliminada". Foi parte do negociado en Istambul na véspera. "Déronnos os principios dun posíbel acordo futuro por escrito", asegurou.

Segundo Medinski, Kíiv tamén se mostrou disposta a "renunciar ás armas nucleares, así como á posesión, adquisición e desenvolvemento de armas de destrución masiva". Tamén, a acoller bases e continxentes militares estranxeiros e a realizar exercicios militares coa participación de Forzas Armadas estranxeiras "soamente de acordo cos Estados garantes, incluída Rusia".

Neste contexto, salientou que Ucraína "por primeira vez en todos estes anos declarou a disposición a negociar con Rusia" e indicou tamén que "a posición" rusa a respecto de Crimea e do Donbás "permanece sen cambios". "O traballo continúa, as negociacións continúan", dixo.

O Kremlin describiu durante a xornada como "positivo" que Ucraína "presente propostas concretas" nas conversas en Estambul, aínda que manifestou que os contactos non derivaron en "avances" significativos.

Na terza feira anunciara que reduciría "drasticamente" as operacións militares contra a capital de Ucraína, Kíiv, e a cidade de Chernigov.

Novos ataques

Porén, o alcalde desta última cidade, Vladislav Atroshenko, acusou as forzas rusas de perpetrar un "ataque colosal" horas despois de facer esta promesa. "Outra confirmación de que Rusia sempre minte", lamentou.

Atroshenko asegurou nunha entrevista na televisión estadounidense que a cidade continúa "baixo o fogo" dos bombardeos rusos, que non cesaron durante a madrugada de onte. De feito, afirmou que Rusia non só non reduciu a intensidade da ofensiva, senón que a aumentou e, como resultado, polo menos 25 civís resultaran feridos.

Tamén no Donbás, o Exército ruso intensificou os ataques. Segundo informaron onte as autoridades ucraína unha nova ofensiva sobre a cidade de Lisichansk, en Lugansk, así como en Severodonetsk, Rubizhne, Popasnaya e Kremennaya. Tamén houbo bombardeos das localidades na liña da fronte en Donetsk.

Comentarios