Rusia lanza o primeiro ataque contra o ISIS

"Os nosos avións comezaron a operación aérea", informou o portavoz ministerial Ígor Konashénkov quen asegurou que "a única maneira de combater os terroristas é actuar con anticipación".

Ria Novosti_RT
photo_camera [ Imaxe Ria Novosti | RT ]

As Forzas Armadas rusas iniciaron esta cuarta feira (30 de setembro) unha operación militar contra as posicións do ISIS (Estado Islámico) en Siria. Así o confirmou o portavoz ministerial, Ígor Konashénkov, apelando á orde emitida polo presidente Vladimir Putin após ser aprobada o uso da forza militar polo Parlamento. 

No concreto, trátase dos primeiros ataques aéreos de "alta precisión", afirman fontes gobernamentais que negan tamén ter causado vítimas civís. 

A decisión foi adoptada após solicitar o presidente sirio, Bashar al-Assad, axuda militar a Rusia na loita contra o terrorismo islamista do ISIS. Até o momento, afirma o executivo de Putin, descartan iniciar calquera operación terrestre. 

Rusia defende a "legalidade" dos ataques argüíndo que o Dereito Internacional contempla o uso da forza de existir apoio expreso do Consello de Seguridade das Nacións Unidas ou de ser demandada polo propio país, como é o caso. 

Neste senso, o Kremlim presentouse como "o único país que participará na operación contra o ISIS legalmente" fronte aos ataques desenvolvidos recentemente por Francia aos que outros países como Australia, se sumarán proximamente. 
 

Comentarios