Rusia inicia a retirada de parte da súa aviación en Siria

Após 5 anos de conflito e da declaración dun cesamento ao fogo abandonan o país de maneira escalonada mais mantén forzas militares.

ACNUR_Homs
photo_camera Imaxe da cidade de Homs [ACNUR]

Esta segunda feira (14 de marzo) o goberno de Rusia anunciou que inicia a retirada dunha parte das forzas militares aéreas que mantiña despregadas en territorio sirio. No concreto, trátase dun avión de transporte e varios bombardeiros nos que viaxan tamén persoal e equipas técnicas. 

Rusia di que cumpriron "en termos xerais" os obxectivos marcados en Siria

Segundo un comunicado de imprensa emitido polo executivo "a tarefa que as nosas Forzas Armadas e o Ministerio de Defensa tiñan por diante cumpriuse en termos xerais" e a elas atribúe "as condicións" xeradas para o "proceso de paz" iniciado en febreiro deste ano coa declaración do cesamento ao fogo suscrita por Rusia, EUA e a ONU. 

Porén, manterán en Siria suficientes forzas, din, para controlar o cumprimento do devandito acordo.

Cinco anos de guerra en cifras

Este mes de marzo cúmprense 5 anos desde que se iniciou o conflito armado en Siria. Segundo as cifras fornecidas por organismos internacionais como a ONU e ACNUR neste tempo foron asasinadas 250 mil persoas no país e un millón resultaron feridas

Hai actualmente 4 millóns de persoas refuxiadas após cinco anos de conflito

Aliás, producíronse 7,6 millóns de deslocamentos internos e 4 millóns de persoas están refuxiadas marioritariamente en países colindantes con Siria (Xordania, Iraq e Líbano). Doutra banda, 1,9 persoas localízanse en Turquía, 26.700 no norte de África e 281.446 solicitaron asilo na Unión Europea. 

As Nacións Unidas e UNICEF sinalan que 13,5 millóns de persoas en Siria precisan asistencia humanitaria que comezou a entrar no país con motivo do cesamento ao fogo declarado o 27 de febreiro de 2016. O 60% da poboación atópase baixo o limiar da pobreza. 

Comentarios