Rusia e EUA anuncian a entrada en vigor da prórroga do tratado START

O acordo para a redución de armas estratéxicas caducaba esta sexta feira, 5 de febreiro.
EuropaPress_3437233_17_november_2020_---_the_aircraft_carrier_uss_nimitz_cvn_68_steams_ahead_of
photo_camera Imaxe de arquivo dun portavións militar. (Foto: Europa Press)

Os Gobernos de Rusia e dos EUA anunciaron esta cuarta feira, 3 de febreiro, a entrada en vigor da prórroga de cinco anos do Tratado de Redución de Armas Estratéxicas (START), dous días antes de expirar a data límite.

O Ministerio de Exteriores ruso indicou nun comunicado que Moscova e Washington intercambiaran notas diplomáticas sobre a finalización dos "procedementos internos necesarios para a entrada en vigor" da prórroga.

"Desta forma, o tratado será efectivo exactamente como foi asinado, sen emendas ou engadidos, até 5 de febreiro de 2026", resaltou, manifestando que a conversa de 26 de xaneiro entre os presidentes dos EUA e Rusia, Joe Biden e Vladimir Putin, respectivamente, "foi chave".

Neste sentido, defendeu que o tratado "se preserva e garante de forma estritamente recíproca". "Esperamos que este entendemento alcanzado con Washington sobre o futuro do Novo START sexa un piar da seguridade internacional que permita deixar atrás a tendencia cara ao desmantelamento do control de armas e os mecanismos de non proliferación, dominantes durante os últimos anos polas destrutivas políticas dos EUA", engadiu.

China, na mira dos EUA

Pola súa banda, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, destacou que "Biden prometeu manter o pobo estadounidense seguro ante as ameazas nucleares e restaurar o liderado no control e a non proliferación de armas". "EUA deu o primeiro paso para cumprir ese compromiso ao estender o Tratado START con Rusia durante cinco anos", agregou.

Ao respecto, dixo que "se utilizará o tempo que dá esta extensión de cinco anos para manter con Rusia, en consulta co Congreso e cos aliados e socios dos EUA, un control de armas que aborde todas as armas nucleares".

"Buscaremos ademais un control de armas que reduza os perigos do moderno e crecente arsenal nuclear da China", engadiu.

Comentarios