Rusia detén un xornalista estadounidense ao que acusa de "espionaxe"

Evan Gershkovich é o correspondente de 'The Wall Street Journal' en Moscova.
O xornalista Evan Gershkovich.
photo_camera O xornalista Evan Gershkovich.

O Servizo Federal de Seguridade (FSB) de Rusia vén de confirmar a detención esta mesma quinta feira do xornalista estadounidense Evan Gershkovich, de 31 anos de idade, que traballaba como correspondente desde Moscova para The Wall Street Journal, por incorrer nun presunto delito de "espionaxe en favor dos EUA".

"O FSB abortou as actividades ilegais do cidadán estadounidense Evan Gershkovich, nado en 1991 e correspondente da oficina en Moscova do xornal The Wall Street Journal, acreditado ante o Ministerio de Exteriores ruso, por sospeitas de espionaxe en favor do Goberno estadounidense", informou o Servizo Federal, en declaracións recollidas pola axencia de noticias rusa Interfax.

As autoridades rusas afirman que Gershkovich, durante a súa estadía, "recompilaba por encargo dos EUA informacións secretas sobre as actividades dunha das empresas do complexo militar industrial ruso", en alusión a unha serie de reportaxes sobre o Grupo Wagner nas que estaría a traballar.

Un artigo titulado 'A economía de Rusia comeza a esborrallar', publicado a pasada terza feira, día 28, foi o seu último traballo para TWSJ. Pouco despois de coñecerse a súa detención, desde o xornal trasladaron a súa "profunda preocupación pola seguridade" de Gershkovich, o primeiro reporteiro estadounidense que é arrestado por cargos de espionaxe en Rusia desde a conclusión da Guerra Fría.

Tamén mostraron a súa "alarma" ante o sucedido desde a organización non gobernamental Reporteiros Sen Fronteiras: "Parece unha medida de represalia e os xornalistas non deben ser obxectivos", apuntaron, a través das súas redes sociais.

Comentarios