Rusia dará inicio mañá á campaña de vacinación contra o coronavirus

O principal experto do Goberno dos Estados Unidos en enfermidades infecciosas, Anthony Fauci, criticou a présa do Reino Unido por autorizar a vacina de BioNTech/Pfizer.
vacinacion_rusia
photo_camera O proceso de inmunización da poboación comezará pola capital, Moscova, epicentro da epidemia (Foto: sobyanin.ru)

O alcalde de Moscova, Sergei Sobianin, anunciou que o sábado comezará na capital rusa a campaña masiva de vacinación contra o coronavirus, coa administración das primeiras doses da Sputnik V para as persoas de grupos de alto risco, segundo asegurou nunha entrada no seu blog e recolleu posteriormente a web do concello moscovita.

A capital de Rusia é o epicentro da epidemia no país, que leva varios días marcando cifras máximas de contaxios, con rexistros por encima dos 25.000 positivos nalgunhas xornadas. Sobianin anunciou o inicio da campaña horas despois de o presidente ruso, Vladimir Putin, solicitar ao Goberno que puxese en marcha o proceso.

O alcalde indicou que desde mañá mesmo estará operativo un rexistro para que o persoal sanitario, o profesorado e os traballadores dos servizos sociais poidan apuntar os seus datos para recibir a Sputnik V. "Nas próximas semanas, a medida que cheguen grandes cantidades da vacina, esta lista ampliarase", indicou.

Ademais, Sobianin informou de que a capital conta con contedores refrixeradores especializados para o almacenamento do remedio e que se está a dar formación ao persoal que manexará as doses do tratamento. 

Na información que publica a web municipal lémbrase que o orzamento da cidade para 2021 contempla unha partida para a vacinación gratuíta da cidadanía contra a Covid-19. En concreto, fala de 10.000 millóns de rublos (máis de 110 millóns de euros). Ademais, saliéntase que "a vacinación é a forma máis eficaz e segura de protexerse contra as enfermidades infecciosas". 

Nas últimas 24 horas confirmáronse 28.145 casos de Covid-19 nas 85 rexións de Rusia, incluídos 5.988 casos asintomáticos, segundo asegurou o Goberno ruso nun comunicado. O país é o cuarto máis afectado do mundo pola pandemia.

"Présa" británica

Por outra banda, o principal experto do Goberno dos Estados Unidos en enfermidades infecciosas, Anthony Fauci, sinalou esta quinta feira nunha entrevista en Fox News que o organismo regulador do medicamento británico (MHRA) non fora o suficientemente coidadoso durante o proceso de autorización da vacina de BioNTech/Pfizer. O Reino Unido converteuse na cuarta feira no primeiro Estado do mundo en dar esa autorización.

En concreto, Fauci manifestou que "o Reino Unido non o fixo tan coidadosamente" como o está a facer o organismo regulador nos EUA, a FDA. "Se vas moi axiña e o fas superficialmente, a xente non se vai querer vacinar", afirmou, e engadiu que a autorización no país norteamericano chegará "moi pronto".

As declaracións do experto estadounidense chegan o día en que o país alcanzou a cifra de 14 millóns de persoas infectadas, con 273.590 falecementos rexistrados por causa da enfermidade que provoca o novo coronavirus.

Ademais, noutra entrevista tamén onte, neste caso na CBS, sinalou que agarda continuar á fronte da loita contra a epidemia no país baixo o Goberno do presidente electo, Joe Biden, despois de este tomar posesión o vindeiro 20 de xaneiro.

Asemblea da ONU

Ademais, o secretario xeral da ONU, António Guterres, criticou, na apertura dunha reunión da Asemblea Xeral, os Gobernos que ignoraron nestes últimos meses as directrices da OMS para combater a pandemia do coronavirus, aínda que evitou citar ningún nome.

Comentarios