Rusia cre "infundadas" as dúbidas dos expertos acerca da súa vacina

Algúns países e expertos científicos expresaron as súas reservas sobre a verdadeira eficacia da Sputnik V, dado que nin sequera completou os ensaios clínicos.

Mikhail_Murashko_kremlin
photo_camera O ministro de Sanidade de Rusia, Mikhail Murashko (kremlin.ru)

 O ministro de Sanidade de Rusia, Mikhail Murashko, defendeu na cuarta feira, 12 de agosto, que as críticas á vacina desenvolvida por centros de investigación rusos son "absolutamente infundadas", achacándoas á "competencia" no mercado internacional por dar co fármaco contra a Covid-19.

"Colegas estranxeiros, que aparentemente senten certa competencia e as vantaxes competitivas do fármaco ruso, tratan de expresar algunhas opinións que, ao noso parecer, son absolutamente infundadas", dixo en declaracións á prensa recollidas por Sputnik.

Algúns países e expertos científicos expresaron as súas dúbidas sobre a verdadeira eficacia da Sputnik V, como bautizaron as autoridades rusas a vacina, dado que nin sequera completou os ensaios clínicos ─fica a terceira fase─ e xa foi rexistrada como tal.

Tamén a OMS mantén as reservas pola rapidez con que se conseguiu. Segundo o portavoz da OMS Tarik Jasarevic, "agardamos que as vacinas sexan seguras e eficientes. Deben pasar todos os trámites de precalificación e revisión. Acelerar os progresos non debe significar pór en compromiso a seguridade".

500 millóns de doses

Kirill Dmitriev, presidente de Russian Direct Investment, o fondo encargado de financiar a investigación científica do centro Gamaleya, afirmou que unha vintena de países xa pediran máis dun millón de doses.

As autoridades rusas calculan que poderían producir uns 500 millóns de doses anualmente e sopesan xa varios países para iniciar a produción en masa, nomeadamente en América Latina. 

A produción masiva está previsto que comece en setembro e a exportación, en xaneiro de 2021. Murashko precisou na cuarta feira que os primeiros lotes da vacina se produciran nas próximas dúas semanas, destinados inicialmente á demanda interna.

Comentarios